O PP defende a mellora do CEIP Terra Chá como exemplo inversor da Xunta en Vilalba

TerraChaXa
A mellora prevista nas instalacións do CEIP Terra Chá, na parroquia vilalbesa de Román, é “un exemplo da implicación do Goberno do PP con Vilalba e coa educación no rural”.
Roman Rodriguez concelleiros PP vecinos de Vilalba ceip terra cha
8 Feb 2024

A mellora prevista nas instalacións do CEIP Terra Chá, na parroquia vilalbesa de Román, é “un exemplo da implicación do Goberno do PP con Vilalba e coa educación no rural”. Así o destacaron os candidatos do PP ao Parlamento galego durante unha visita ao municipio vilalbés na que tamén participou o titular de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno galego, Román Rodríguez.

O Goberno galego dirixiu dende o 2009 arredor de 400.00 euros en obras de mellora no CEIP Terra Chá. Ao conxunto de actuacións desenvoltas nas últimas anualidades por máis de 190.000 euros, hai que engadir as obras que xa están en proceso de contratación cun investimento previsto de máis de 200.000 euros.

As intervencións enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica pretenden “mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e adecuar as instalacións ás necesidades do centro”. Neste centro está prevista a substitución de ventás, a instalación dun ascensor, a adecuación dunha nova aula de infantil, a substitución de luminarias e a pintura interior e exterior.

Os populares subliñaron “o compromiso inversor para a mellora das instalacións que usa a diario o alumnado e o conxunto da comunidade educativa nos centros de Vilalba” como demostran os “máis de 2 millóns de euros que o Goberno da Xunta dirixiu dende o 2009 aos centros de ensino vilalbeses” para distintas actuacións de reparacións, reformas, renovación de pistas deportivas, instalación de sistemas de biomasa no IES Basanta Silva, mellora da accesibilidade ou da eficiencia enerxética en distintos centros.

Dende o PP lucense inciden en que “Vilalba funciona da man dun Goberno do Partido Popular en Galicia que está a soster os principais servizos públicos do municipio. E queremos seguir traballando nesa liña da man de Alfonso Rueda”, subliñaron os candidatos durante unha visita á capital chairega onde lembraron que, “ademais dos servizos públicos que sostén directamente a Xunta, o Goberno galego dirixiu a Vilalba máis de 35 millóns de euros nos últimos 4 anos”.

0.073269844055176