O PP defende ante gandeiros de Terra Chá e A Mariña a rebaixa da protección do lobo
“O Goberno de Sánchez non ten intención de rebaixar o status de protección do lobo e, ademais, deriva aos seguros agrarios”, segundo afirman os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- tras coñecer a resposta oficial a preguntas formuladas no Senado.
Os senadores expuxeron nunha reunión celebrada na Pastoriza con alcaldes e portavoces das comarcas da Terra Chá e A Mariña e con gandeiros afectados polos ataques do lobo as explicacións do Goberno de Sánchez á pregunta formulada para coñecer se tiña intención de retirar o lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe) en consonancia coa Unión Europea (UE) que vén de aprobar a rebaixa do seu nivel de protección de ‘estritamente protexido’ a ‘protexido’.
O Goberno de España argumenta que o estado de conservación da especie é desfavorable-inadecuado ao norte do río Douro, “con base nun censo nacional que non se actualiza dende fai 6 anos”, segundo puntualizan os populares. Pero, “á vista do número de avisos por ataques dende o 2021 que en Galicia se incrementou nun 72%”, segundo se desprende dos datos provisionais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, os senadores defenden que o estado de conservación da especie non é desfavorable, a partir da información da que se dispón na comunidade.
Así, o Grupo Popular reclamará dende o Senado ao Goberno de Sánchez que retire o lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe), que revise a súa estratexia adecuándoa aos datos do censo actuais e que se aprobe unha nova co consenso das comunidades autónomas.
Polo tanto, reclaman ao Goberno de Sánchez que “rectifique e deixe de poñer trabas administrativas ao control da especie para garantir o equilibrio entre a súa protección e a actividade gandeira, tal e como demanda o sector”. E inciden en que “á vista da importante participación nesta convocatoria, se trata dun tema que preocupa aos gandeiros e gandeiras”.
Os senadores piden que “o Goberno de Sánchez deixe de dar as costas aos lucenses. E, máis concretamente, aos gandeiros e gandeiras que se vén afectados polos ataques desta especie causando danos e baixas irreparables entre os seus animais e, polo tanto, perdas económicas na súa actividade. O que vimos ata agora é que o Goberno de Sánchez, coa complicidade do PSOE galego e do BNG, defende máis o lobo que aos nosos gandeiros e gandeiras”, segundo afean os representantes do PP por Lugo no Senado.
De feito, o pasado mes de setembro, “España foi -xunto a Irlanda- un dos países que votaba no Consello Europeo en contra da proposta aprobada para rebaixar o status do lobo”. Os senadores sinalaron ao respecto que “dende o PP temos claro que estaremos ao lado dos gandeiros da nosa provincia e seguiremos pedindo ao Goberno de Sánchez que retire o lobo da lista de especies ameazadas”.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a convocatoria de liñas de axudas de prevención e indemnización polos danos do lobo incrementando nun 50% o orzamento con respecto ao ano 2024.
E a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego remitía recentemente unha carta á nova Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico solicitando unha reunión para abordar as peticións da Xunta de Galicia entre as que se atopa a autorización dalgunha medida excepcional de xestión desta especie.
EXTRACTO DA RESPOSTA OFICIAL DO GOBERNO
O nivel de protección do lobo está adaptado á información técnica e científica dispoñible na actualidade e non existen evidencias científicas nin técnicas que demostren que as circunstancias que xustificaron a súa incorporación á Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial tivesen variado dende entón.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a maior parte das comunidades autónomas integrantes da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade apostaron no 2021 por un cambio no modelo de xestión do lobo en España, en liña con outros Estados da Unión Europea.
Este cambio, impulsado pola protección legal da especia en toda España, supón priorizar as medidas preventivas ou protectoras do gando fronte á eliminación non selectiva de exemplares e manter unha atención permanente ás indemnizacións causadas polos danos do lobo, con criterios uniformes e sen atrasos.