O PP demanda o arranxo do aparcadoiro de Verxeles, en Viveiro
"Hai deficiencias urbanas que reflicten moi claramente a incapacidade de xestións dos gobernos locais. En Viveiro, o pésimo estado do pavimento do aparcadoiro da avenida de Ferrol, na zona de Verxeles, é un deses casos. As chapuzas ordenadas polo equipo que preside a socialista María Loureiro para tapar malamente os buratos son de tebeo, superan a desbordante imaxinación dos chapuzas por excelencia saídos do lapis de Francisco Ibáñez. O grupo municipal do PP esixe ao goberno de Viveiro que, dunha vez por todas, faga as xestións necesarias para que sexa posible pavimentar nas debidas condicións este espazo", explica o portavoz popular, Óscar Rodríguez.
Engade este que o PP xa levou noutros momentos iniciativas ao Pleno para que o goberno local xestionase a mellora do pavimento do aparcadoiro da avenida de Ferrol. "Pero nada fixo o goberno municipal. O caso é que o pavimento está destrozado e é unha sucesión de fochancas de distinto tamaño, que medran a medida que pasan os días. Rodríguez di que a última intervención neste pavimento foi para reencher con area as fochancas. Como non pode ser doutra maneira, co paso dos coches e coa choiva, o material de recheo durou moi pouco tempo no seu sitio. Anteriormente, houbo outra reparación estilo Pepe Gotera y Otilio, na que uns operarios, provistos dun balde con alcatrán botaron un pouco deste produto nalgúns dos furados. Como era de supoñer, tal reparación tivo unha moi efémera duración. Iso si, deu pé ao cachondeo dos usuarios que tiveron ocasión de ver como se levaba a cabo a reparación".
O aparcadoiro da avenida de Ferrol, en Verxeles, dá servizo a unha zona na que hai comercio, hostalería e servizos de distinto tipo; "polo tanto, ten un uso intenso ao longo de todo o ano. Non só ten mal o pavimento, é que non hai sinalización horizontal, para unha máis ordenada circulación e maior seguridade".
Rodríguez di: “Esta situación mantense así dende hai anos. A incapacidade de xestión demostrada pola alcaldesa e o seu equipo é máis que preocupante. Os veciños están fartos de soportar o mal estado deste aparcadoiro e esixen que o Concello adopte as medidas necesarias e que o faga xa. Dende o PP, unha vez máis, reclamamos a reparación do aparcadoiro e instamos ao goberno municipal a facer o seu traballo ao servizo dos veciños de Viveiro”.