O PP denuncia de novo a Marisol Morandeira por falsidade documental

TerraChaXa
Afirman que a rexedora estaba nun acto institucional, o 4 de febreiro, fóra de Galicia e recoñeceuse en acta a presidencia dunha xunta de goberno local celebrada en Guitiriz na mesma data
FOTO-RP-PP-Guitiriz-denuncia-alcaldesa
18 Mar 2026

Os concelleiros do PP de Guitiriz veñen de anunciar que ampliaron a denuncia presentada contra a alcaldesa, Marisol Morandeira, logo de ter acceso a nova documentación municipal que revela feitos que poderían incorrer novamente en presunta falsidade documental.

Segundo explicou o voceiro popular, José Manuel López Rodríguez, esta ampliación baséase en documentación oficial que evidencia unha posible incompatibilidade material entre a presenza da rexedora nun acto institucional fóra de Galicia e a súa suposta asistencia e presidencia dunha xunta de goberno local celebrada na mesma data.

Cómpre lembrar que a denuncia inicial xa apuntaba a feitos similares acontecidos no mes de decembro de 2025, cando a alcaldesa asinou a súa asistencia a unha xunta de goberno mentres se atopaba en Portugal, percibindo ademais as correspondentes dietas.

Os feitos agora denunciados sitúanse no 4 de febreiro de 2026. Tal e como recolle a documentación incorporada á ampliación da denuncia, Marisol Morandeira atopábase nesas datas en Caldes de Malavella (Girona), participando nun evento institucional en comisión de servizo, datas das que existe unha acta da xunta de goberno local dese mesmo día na que figura como asistente e mesmo presidindo a sesión na súa condición de alcaldesa.

“O que vemos é unha coincidencia temporal que resulta dificilmente compatible e que volve xerar serias dúbidas sobre a veracidade da documentación municipal”, explicou.

O voceiro popular advertiu de que a acta da sesión non recolle ningún indicio de que a reunión se celebrase de forma telemática, xa que non consta nin o sistema empregado, nin a acreditación da identidade dos participantes, nin incidencias técnicas nin ningún outro elemento esixible legalmente.

Neste sentido, lembrou que a lexislación vixente limita a celebración telemática das xuntas de goberno local a supostos excepcionais, esixindo ademais garantías formais que, segundo a documentación analizada, “non aparecen por ningures ningún tipo de elemento que poida dar a entender que a presenza foi de forma telemática, nin xustificación algunha que puidese avalala”.

“Mesmo no caso de que o goberno local pretendese xustificar que a sesión foi telemática, o certo é que non hai constancia documental de que se cumprisen os requisitos legais”, engadiu.

Dende o PP de Guitiriz consideran que estes feitos poderían ter relevancia xudicial, ao poder implicar a inclusión de datos non veraces en documentos oficiais ou a adopción de acordos administrativos sobre unha base irregular.

Por este motivo, na ampliación da denuncia solicítase ao xulgado a práctica de diversas dilixencias para esclarecer os feitos, entre elas a remisión do expediente completo da sesión, a verificación dos documentos electrónicos orixinais e a certificación por parte do secretario municipal sobre as condicións reais nas que se celebrou a xuntanza.

José Manuel López insistiu en que “todo apunta a que non estamos ante un feito illado”, senón ante prácticas que poderían terse repetido no tempo.

“O noso deber é defender os intereses dos veciños de Guitiriz e garantir que os recursos públicos e a actividade municipal se desenvolvan con total legalidade e transparencia”, afirmou.

0.13547396659851