O PP denuncia o mal estado do depósito de auga de Lea
“A seguridade de todos os polenses é unha prioridade para o PP de Pol”, segundo manifesta a presidenta, Nicole Grueira. É por iso polo que denuncia o estado no que se atopa o depósito de Lea debido “á falta de mantemento por parte do goberno local”.
Os populares explican que o rexedor respondeu que “estaba en perfecto estado e quen dixera o contrario mentía” a unha pregunta formulada polo voceiro do Grupo Municipal Popular, Enrique Rodríguez, no pleno do pasado mes de setembro. Pero, “o estado do depósito podemos comprobalo calquera dos veciños e veciñas de Pol”.
Os populares de Pol lembran que a contorna, captación e depósito da fonte do Lea foi mellorado fai un ano cun investimento de preto de 25.000 euros por parte da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación ambiental.
Ante o actual estado do depósito de Lea que supón “un risco para os veciños”, os populares esíxenlle ao goberno local socialista que “non esqueza garantir aos veciños unha seguridade digna”.