O PP denuncia que a piscina de A Pastoriza leve de gasto máis de 16.000 euros de mantemento e que siga pechada

TerraChaXa
O Grupo Provincial do Partido Popular denuncia que a piscina de A Pastoriza leve de gasto máis 16.
A piscina da Pastoriza está rematada pero non en funcionamento.
10 Nov 2017

O Grupo Provincial do Partido Popular denuncia que a piscina de A Pastoriza leve de gasto máis 16.000 euros no mantemento e que siga pechada. Deste xeito, os populares maniféstanse críticos coa xestión da Deputación, pois “estamos diante dun custo que, a priori, se presupón dubidoso, sobre todo porque esta infraestrutura nunca puido ser usada polos veciños de A Pastoriza”, destacan.

Por este motivo, e dado que o organismo provincial ten que aboar unha factura por valor de 6.000 euros en concepto de subministro de gasóleo; cantidade á que hai que sumar máis de 11.000 correspondentes ao consumo de luz do ano 2016, piden ao Goberno que detalle o pagamento destes cargos. “O Goberno debe de dar explicacións públicas destas facturas, pois resulta chamativo que houbese estes gastos, xa que a instalación, malia estar construída e adxudicada hai sete anos, continúasen abrir as súas portas”, remarcan.

Neste senso, insisten na necesidade dunha maior transparencia respecto deste asunto, xa que a adxudicación da piscina data do ano 2009, sendo o prazo de execución de nove meses. “É dicir, son obras que comezaron varios anos e que foron rematadas sen que fosen postas as disposición dos usuarios. É, por tanto, unha situación que non se pode permitir. As administracións teñen a responsabilidade de xestionar eficientemente os fondos públicos; de aí que dubidemos e pidamos que se nos aclare a que se debe este custo para as arcas da Deputación”, destacan.

O Goberno non cumpre os acordos acadados polo PP no Pleno
Os incumprimentos neste senso están a ser unha constante “no día a día da Deputación”, puntualizan os populares. Proba delo é que o Executivo provincial continúa sen cumprir o acordos plenarios, producidos en xaneiro e en maio deste mesmo ano, e nos que, precisamente, demandaban a axilización nos trámites para a apertura destas instalacións.

Concretamente, na sesión máis recente (a de maio de 2017), o Partido Popular conseguiu sacar adiante por unanimidade a súa proposta, na que solicitaban á institución luguesa que adoptase de maneira urxente as medidas necesarias para solucionar os problemas que motivan a non apertura desta infraestrutura. E é que a súa construción implicou unha achega do organismo provincial que superou os 1,5 millóns de euros.

Os populares critican así a xestión do equipo de goberno, pois foi o propio deputado Pablo Rivera Capón, o que anunciou, e así se recolle na nota de prensa publicada na web da Deputación e correspondente ao Pleno de xaneiro, que […] a Deputación ía deixar listas as piscinas este ano. A instalación deportiva atópase en boas condicións, xunto coas correspondentes autorizacións de Industria e de Sanidade. Xa dende hai meses mantense un diálogo activo co Concello para definir o modelo de xestión máis axeitado […]”.

“O certo é que, na actualidade, e a tan só mes e medio de que remate o ano, a piscina continúa pechada ao público e, por tanto, o Goberno segue sen cumprir este acordo que contou co visto e prace de toda a Corporación”, conclúen dende o Grupo do PP.

0.18139386177063