O PP denuncia que a Deputación aínda non adxudicou os desbroces

TerraChaXa | AMariñaXa
9 Xul 2019

Grupo Provincial do PP denuncia que sexan aínda 50 os concellos da provincia nos que a Deputación de Lugo aínda non adxudicou os desbroces.
O Goberno do PSOE anuncia en pleno mes de xullo a posta en marcha do Plan de desbroce da rede viaria provincial, a máis extensa de España, pero o certo é que só iniciaron o trámite para 17 concellos, mentres os outros 50 seguen á espera. 
O procedemento, tal e como pode verse nos documentos que se achegan, aínda non está rematado para eses 50 concellos da provincia. Ademais, lamentan os populares, despois diso é preciso aínda formalizar o contrato antes de dar comezo ao servizo. Todo isto retrasará a súa posta en marcha, pese a atoparnos no mes de xullo, cando o perigo de incendio é maior polas altas temperaturas e cando a provincia recibe un maior número de visitantes.
O Grupo Provincial do PP critica que “unha vez máis” os socialistas desatendan un traballo tan importante e lamentan a falla de previsión, posto que se trata dun servizo que deben prestar cada ano e cada ano demoran máis.
Ante a desidia do PSOE os populares presentaron un rogo no ano 2016 para pedir que se axilizaran os trámites e estes traballos se levaran a cabo antes do verán, especialmente nas zonas da Mariña e a Ribeira Sacra, dous dos territorios que reciben o maior número de turistas nestas datas. Unha reclamación do Grupo Provincial do PP que un ano máis desatenden.

0.047783136367798