O PP destaca o circuíto da Pastoriza como unha fonte xeradora de riqueza

Os deputados do Grupo Provincial Popular coñeceron de primeira man todas as posibilidades de crecemento económico que ofrece o circuíto que hai na Pastoriza, unhas instalacións únicas na provincia e que supoñen “un punto de diferenciación e de atracción” para este municipio.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, puxo en valor “as enormes posibilidades” que ofrece esta instalación xa que “ademais de dinamizar o municipio e de ser un motor económico, supoñen un punto de inflexión xa que ademais contribúen a mellorar a seguridade viaria ao formar cada ano a centos de condutores”.
Os deputados populares coñeceron todas as actividades que se realizan neste circuíto, que acolle a centos de usuarios cada ano, ben sexa para realizar cursos de perfeccionamento na condución para mellorar a seguridade viaria, corrixindo erros adquiridos ao longo do tempo así como para aumentar a destreza e capacidade de reacción ante imprevistos na condución.
Ademais, numerosos pilotos profesionais, ben sexan de transporte de viaxeiros, mercadorías ou de competición, acoden a estas instalacións para continuar coa súa formación adquirindo destrezas específicas.
Antonio Ameijide insiste na necesidade de “poñer en valor e potenciar” unhas instalacións únicas na provincia “capaces de dar novas posibilidades a un municipio eminentemente rural, pero que gracias ao traballo diario ofrece novas vías de crecemento económico”.
Este circuíto supón unha oportunidade de crecemento para A Pastoriza, xa que non só está orientado á formación de condutores, senón que tamén é unha referencia a nivel nacional e internacional para a proba e posta a punto de novos modelos de vehículos, tanto de rúa coma de competición.
Ademais, estas instalacións son un dos piares económicos sobre os que recae o crecemento deste concello lucense xa que, dada a gran afección ao deporte do motor que hai en Galicia atrae a numerosos afeccionados xa que se celebran todo tipo de competicións (coches, motos, karts....) e tamén é un lugar no que os pilotos compiten, adestran e perfeccionan as súas habilidades, tanto en solitario coma coa axuda de formadores en condiciones de total seguridade.