O PP di que o alcalde nacionalista minte ao acusar a Requeijo de boicotear a Marca Muras

TerraChaXa
O alcalde aseguraba que a portavoz do Partido Popular acudiu a Abadín, onde goberna o PP, para por en marcha os cargadoiros
cargadoiro-de-poldros-de-muras
24 Nov 2025

O Partido Popular de Muras pide ao alcalde nacionalista unha rectificación pública por verter acusacións sobre a portavoz popular, Eugenia Requeijo, "que non son certas".

O alcalde de Muras, nunha entrevista recente, aseguraba que a portavoz do Partido Popular no municipio “boicotea a Marca Muras acudindo a Abadín onde goberna o PP para por en marcha medidas coma as nosas (os cargadoiros)”; pero “non é verdade”, segundo aclara Eugenia Requeijo.

Os populares cren que “o alcalde debe dedicarse a gobernar o Concello atendendo ás necesidades dos veciños e veciñas en lugar de intentar desprestixiar á oposición con cousas que, ademais, son mentira”.

Eugenia Requeijo aclara que “non teño nada que ver con ningún deses proxectos” aínda que “merecen todo o meu respecto e, tanto persoal como politicamente, apoiarei todas as medidas que poñan en valor o noso rural e o sector agrogandeiro”.

A popular aproveita para recordarlle ao alcalde do BNG que “os cargadoiros de poldros en Muras levan tempo en marcha da man dos propios gandeiros e gandeiras que xestionan, como parte da súa actividade, a venda e traslado de animais dentro das esixencias sanitarias que marcan as autoridades”.

Nese sentido, convídao a recoñecer o labor dos gandeiros e gandeiras que é “imprescindible para continuar mantendo vivo o noso municipio”; ademais de rectificar sobre “acusacións totalmente fóra de lugar que só pretenden intentar desprestixiar á portavoz do PP para desviar a atención da súa falta de traballo”.

Eugenia Requeijo afea a “estratexia política do alcalde” que “máis que facer e traballar en beneficio dos veciños e veciñas parece que se centra en intentar que se fale mal do Partido Popular, aínda que sexa con cousas que son mentira, para ter a quen botar a culpa das cousas que son consecuencia da súa propia falta de diálogo”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.078394889831543