O PP e o Concello acusan a Tomé de non impulsar a rehabilitación do antigo psiquiátrico de Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Explican que a segregación das parcelas “é indispensable” xa que a Deputación de Lugo mantén nesa única propiedade dous usos
balado-e-ameijide-antigo-psiquiatrico-de-castro-de-reio
Balado e Ameijide ante o antigo psiquiátrico
23 Ago 2024

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, acusa ao goberno provincial de PSOE e BNG “de vender fume” e de “xogar cun tema moi sensible como é a inmigración”.

Antonio Ameijide recorda que hai un ano que José Tomé anunciou a creación dun centro para refuxiados no antigo psiquiátrico de Castro, pero “nada fixo porque este proxecto fose realidade”.

Ameijide ve como agora “ante a falta de rigor e de traballo” do goberno provincial de socialistas e nacionalistas “buscan botar balóns fóra” e “acusan sen ningún tipo de fundamento” ao Concello de Castro de Rei de bloquear o proxecto.

A parcela na que se localiza o antigo psiquiátrico de Castro é de titularidade da Deputación provincial de Lugo, así como o edificio que leva máis de 10 anos abandonado. Neste finca rexistral coexisten dous usos, o gandeiro e o sociosanitario, polo que a Deputación de Lugo non pode ceder directamente unha parte do terreo ao Ministerio.

Para poder realizar a cesión, ten que ser o titular da propiedade, é dicir, a Deputación de Lugo, o que inicie un plan especial de dotacións “algo que nos consta lle explicaron os técnicos municipais de Castro de Rei á propia Deputación hai máis dun ano”.

O goberno de José Tomé sempre foi coñecedor de todos os pasos que tiña que dar para poder facer realidade o proxecto anunciado pero “todo apunta a que o goberno provincial nunca quixo reformar o antigo psiquiátrico, senón desfacerse desta propiedade sen gastar un euro” xa que “a realidade é que non tramitaron nin un papel”.

Son os mesmos pasos que tería que dar calquera particular, pero PSOE e BNG nada fixeron. “Pensan que están por enriba da lei”, criticou.

Antonio Ameijide esixe a José Tomé “que diga a verdade e deixe de tentar enganar á sociedade lucense”. “Non é ético nin moral xogar co futuro de persoas que tiveron que pasar por unha experiencia persoal traumática e que, en moitos casos, xogaron a súa vida na procura dun futuro mellor, polo que PSOE e BNG deberían de pedir desculpas públicas”, afirmou, xa que “co enorme problema de acollida que temos actualmente en España vemos que PSOE e BNG na Deputación so buscan enganar anunciando e prometendo proxectos dos que logo non fan nada”.

EXPLICACIÓN DO CONCELLO

Dende o Concello de Castro de Rei lamentan que o Ministerio non poida facerse coa propiedade do edificio do antigo Hospital Psiquiátrico, así como dunha porción de terreo anexa ás construccións, "porque nós sempre defendemos a rehabilitación do edificio (con independencia dos usos aos que fose destinado), peticións que fixemos, tanto dende o Concello como dende o Grupo Provincial do PP na Deputación ó longo destes anos".

Dende o Concello sabemos que o único responsable de que o Goberno non poida adquirir a propiedade do edificio e dos terreos, é a propia Deputación, "que durante estes últimos anos non se preocupou de regularizar a situación da parcela na que se asenta o edificio, na que actualmente coexisten varios usos mezclados e confundidos: gandeiros e sociosanitarios. A Granxa Experimental de Vacún de Leite, feita en colaboración coa USC, está prácticamente pegada ao edificio do Psiquiátrico, de xeito que os dous usos (gandeiro e sociosanitario) coexisten na mesma leira".

"Para poder segregar unha porción de terreo na que se inclúa o edificio e a súa posterior cesión ao ministerio, é necesario que o propietario tramite un Plan Especial de Dotacións, tal e como se lle explicou á Deputación hai máis dun ano por parte dos Servizos Técnicos e Xurídicos do Concello, pero a Deputación neste tempo non presentou nada, nin sequera un Anteproxecto", enganden.

Asegura o alcalde que aínda así o edificio pode rehabilitarse como tal para os fins previstos polo Ministerio, sendo suficiente con presentar un proxecto de rehabilitación no Concello, pola vía do artigo 40 da Lei do Sólo de Galicia (LSG), podendo obter licenza de obra en tres meses, "pero aquí ninguén presentou nada, ni a Deputación, nin o Ministerio".

"Dende o Concello nunca puxemos trabas ás pretensións da Deputación, ademáis nunca nos solicitaron nada. Aínda a Día de hoxe estamos en disposición de conceder licenza se a solicitan, pero insistimos en que durante este ano e medio (dende que anunciaron a noticia da cesión), non presentaron ningunha solicitude de licenza, nin de obra, nin de segregación da parcela a través da figura urbanística correspondente", afirma.

"Dende o Concello preguntámonos porqué non utilizan a mesma figura que utilizou Fudace na finca do Centro de Recría, para a construción do Centro de Patoloxía Dual. Eles tramitaron ante o Concello e ante a Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia un plan especial de dotacións nun período inferior a un ano, con motivo dunha subvención preconcedida por parte da Xunta de Galicia, de xeito que nese período, tramitaron o plan e obtiveron licenza do Concello podendo aproveitar a subvención e construir o Centro. Pois do mesmo xeito a Deputación debería ter feito o mesmo", afirman.

Conclúe Balado que "o motivo máis claro da desidia e desinterese por parte da Institución Provincial en relación con este asunto, e que: Se dentro de dez anos a Deputación volve a ter outra oportunidade de cesión do edificio do Psiquiátrico a un terceiro; sexa ó Ministerio ou calquera outra entidade, volverán encontrarse co mesmo problema que agora, porque non van facer absolutamente nada por arranxar a situación a pesar de ser os propietarios da finca, o que pon de manifesto que non hai vontade de investir no edificio, soamente utilizar a vía máis fácil cando xurda a ocasión".

0.19200491905212