O PP e o edil non adscrito critican a opacidade e a “deixadez” do goberno local de Muras

TerraChaXa
Ambos coinciden en sinalar a “opacidade” e a “obstrución” do rexedor, ao que acusan de bloquear os acordos e de non atender as necesidades dos veciños
pp muras
29 Aug 2025

O Partido Popular de Muras e o concelleiro non adscrito intensificaron as críticas ao alcalde tras o último pleno, no que se debateu a modificación dun suplemento de crédito por valor de 800.000 euros e que finalmente non foi aprobado.

O Partido Popular de Muras advirte que “a situación económica do Concello é preocupante debido á mala xestión do rexedor nacionalista”. De feito, “o Concello non dispón de diñeiro para facer fronte ás obras que propón o alcalde porque quedaría en números vermellos” como recollen os informes técnicos que son “desfavorables” a esta operación.

Desde o PP insisten en que non están “en contra de facer obras”, senón da forma en que se xestiona. “Non podemos apoiar a proposta porque estaríamos incumprindo a lei”, advertiu a portavoz popular, Eugenia Requeijo, quen alertou de que a situación económica do concello “é preocupante debido á mala xestión”. Engadiu ademais que os informes técnicos son desfavorables á operación, polo que non se podía votar a favor da súa urxencia, e reivindicou que o diálogo é o único camiño posible para o desbloqueo.

Pola súa parte, o edil non adscrito, Julio Díaz, tamén se mostrou moi crítico co executivo municipal, ao que acusou de “deixadez” por ter que recurrir a suplementos de crédito constantemente “en condicións desfavorables” e por non ser quen de sacar adiante “un orzamento dende 2023”. Díaz lamentou que se estea gobernando “a golpe de modificacións”, sen planificación e sen transparencia, o que ao seu ver demostra unha grave carencia na xestión municipal.

Ambos coinciden en sinalar a “opacidade” e a “obstrución” do rexedor, ao que acusan de bloquear os acordos e de non atender as necesidades dos veciños.

⚙ Configurar cookies
0.64678382873535