O PP esixe a Morandeira que faga públicas as probas que xustifican o cobro das súas dietas

TerraChaXa
José Manuel López denuncia que a alcaldesa segue a escudarse en escusas baleiras que “nada aclaran sobre a súa inocencia”
Jose Manuel Lopez PP Guitiriz
28 Mar 2026

Os concelleiros do PP de Guitiriz denuncian que a alcaldesa, Marisol Morandeira, segue sen aclarar o cobro de dietas por estar en dous lugares ao mesmo tempo (o pasado 10 de decembro) separados por centos de quilómetros e “cobrar por asistir a ambos actos”.

O voceiro popular en Guitiriz, José Manuel López Rodríguez, denuncia que “no pleno de onte vimos como a rexedora non aclarou nada, segue nos mesmos termos, pero a realidade é que máis dun mes despois de terse presentado a denuncia aínda non deu explicación algunha e, o máis preocupante, non achegou proba algunha da súa inocencia”.

O voceiro do PP en Guitiriz recorda ademais que a rexedora podería ter incorrido nun presunto delito de falsidade documental por ter asinado a acta dunha xunta de goberno local (na que asinou asistir e presidir mentres se atopaba de viaxe en Portugal) e “non achegou proba algunha da súa asistencia de forma telemática, como está a defender” (extremo que non ampara a lei por atoparse fóra do territorio nacional).

José Manuel López Rodríguez sinala que “ante a ausencia de explicacións públicas” de Marisol Morandeira, “algo que está a reclamar a veciñanza, moi molestos coa actuación da rexedora”, todo apunta a que “terá que dar todas as explicacións, así como achegar as probas oportunas, se é que as ten, en sede xudicial”.

Ademais, José Manuel López Rodríguez sinala que Marisol Morandeira “non pode escudarse nun suposto enfado pola decisión que tomamos, xa que nós actuamos conforme ao que marca a lei, en canto atopamos indicios da comisión dun presunto delito puxémonos en mans dos nosos servizos xurídicos e viron a necesidade de poñer a situación en coñecemento da xustiza para salvagardar os intereses de todos os veciños de Guitiriz, que é unha das nosas obrigas como representantes electos de toda a veciñanza”.

0.099440097808838