O PP esixe a Pedro Sánchez desde Guitiriz "que non desconecte Galicia" eliminando paradas de bus

TerraChaXa
Os populares agardan que o próximo mércores o PSOE e o BNG apoien no Congreso as súas emendas á Lei de mobilidade sostible para “frear este despropósito”
paula-prado-visita-guitiriz
6 Oct 2025

O PPdeG esixe a Pedro Sánchez que “blinde por lei non desconectar Galicia” e cese nas súas pretensións de “illar a máis de 130.000 galegos e galegas do rural” a través da eliminación de paradas, horarios e frecuencias de autobús prevista na nova Lei de mobilidade sostible.

Unha norma que será votada o próximo mércores, 8 de outubro, no Congreso e ante a que o PP presentou unha serie de emendas coas que busca “frear este despropósito” e que os veciños e veciñas dos 22 concellos galegos afectados non perdan o seu servizo de transporte público. “O PSOE e o BNG teñen a oportunidade de apoiar estas emendas porque, do contrario, estarán avalando que Pedro Sánchez siga desconectando Galicia”, defende neste sentido Paula Prado.

Por iso, a través das súas emendas —que tamén se votarán o mércores na Cámara Baixa—, os deputados do PP queren que o que se blinde nesa lei sexan precisamente os servizos actuais de autobús, mantendo as paradas, así como as frecuencias e os horarios que hai neste momento.

A secretaria xeral dos populares galegos visitou Guitiriz, un dos 10 concellos afectados polos plans do Goberno central na provincia de Lugo, que é ademais a provincia galega onde máis paradas se suprimirían. Fíxoo acompañada polo portavoz do PP local, José Manuel López, o coordinador de Infraestruturas e Territorio do PPdeG, Antonio Ameijide, e deputados do partido no Congreso —Francisco Conde, Jaime de Olano, Cristina Abades e Rosa Quintana—.

“O Goberno de Sánchez, desde a súa chegada, non cesa na súa intención de desconectar o rural galego”, asegurou Paula Prado poñendo como exemplo a eliminación de frecuencias e paradas de tren –como a da Gudiña– e agora a lei estatal que suprimiría paradas de autobús estatais nos concellos de Melide, Arzúa, Chantada, Guitiriz, Monterroso, O Corgo, Palas de Rei, Quiroga, Baralla, A Pontenova, Meira, As Nogais, Ribadavia, A Rúa, Riós, Trasmiras, A Mezquita, Lalín, O Porriño, Tui, Silleda e Forcarei.

Desde o PPdeG critican así que o presidente do Goberno queira “condenar” ao rural galego a unha perda do transporte público e dos seus servizos “cando todas as administracións traballan polo contrario”. E, nesta liña, a secretaria xeral do partido conclúe: “Se queremos loitar para reverter o despoboamento, o Goberno central vai en dirección contraria”.

UN NOVO MAPA CONCESIONAL IMPOSTO E UNILATERAL

Os populares denuncian que o texto actual da Lei de mobilidade sostible suporá a eliminación destas paradas en Galicia e no resto de España e, ademais, non inclúe o financiamento adecuado para prestar este servizo tal e como se viña facendo ata a actualidade.

Desde o PPdeG lamentan así mesmo que o novo mapa concesional derivado desta nova normativa non fose consensuado nin dialogado coas comunidades autónomas na medida en que son estas “as que mellor coñecen as demandas e necesidades de mobilidade nos seus territorios”.

Por iso, instan ao Goberno central a que renuncie á “imposición” e a “unilateralidade” e, no seu lugar, aborde de xeito coordinado coas comunidades un novo modelo que “sexa realmente eficiente na atención das demandas de mobilidade en todo o territorio, sobre todo no rural, e non penalice a ninguén”.

⚙ Configurar cookies
0.21692681312561