O PP esixe a Tomé o arranxo de dúas estradas na Pastoriza
O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, xunto a varios deputados provinciais, seguen con seu calendario de visitas a todos os municipios da provincia e hai uns días estiveron en A Pastoriza, onde comprobaron, acompañados do alcalde Darío Cabaneiro, o mal estado de conservación de varias das vías de titularidade da Deputación neste municipio.
Antonio Ameijide explica que na Pastoriza comprobaron o “lamentable” das estradas LU-P-0103 (Gontán – Reigosa) e a LU-P-0105 (A Xesta – Cadavedo – Carrizal). “Ambas estradas están totalmente deterioradas e, en varios puntos, intransitables”. No caso da LU-P-0103 ten moita importancia xa que é a vía de comunicación de varias parroquias co núcleo da Pastoriza, mentres que no caso da LU-P-0105 é a que conecta o municipio coa autovía A8; “polo que cobra aínda máis relevancia que estea en perfecto estado de mantemento, dado que ten un maior volume de circulación”, explicou.
Os deputados populares recordan que a principal competencia que ten a Deputación de Lugo é a conservación da rede provincial de estradas; e no caso do concello da Pastoriza as teñen moi desatendidas. “Queremos recordar ao presidente Tomé que o mantemento das vías debería de quedar á marxe do debate político, sendo prioritario que o goberno provincial dea un trato igualitario a todos os veciños da provincia e atendendo por igual as peticións de arranxo das estradas”, sinalaron.