O PP esixe ao Goberno local tomar medidas “urxentes” ante os incidentes nas novas piscinas
Os concelleiros do PP de Vilalba fanse eco das queixas dos usuarios polos graves incidentes nas novas piscinas exteriores da Madalena recentemente inauguradas polo goberno local. O chan é moi rugoso e chega a provocar, incluso, feridas nos pés dos nenos e nenas.
O Grupo Municipal Popular esixe ao goberno bipartito tomar medidas de forma urxente e dar explicacións aos vilalbeses e vilalbesas do que pensa facer ao respecto. Así mesmo, solicitarán formalmente ao Concello acceso ao expediente das novas piscinas.
Os populares explican que “todo parece indicar que o tratamento antideslizante do vaso das piscinas é moi abrasivo” e no caso da piscina dos máis pequenos é onde máis se acentúan os efectos negativos sobre os usuarios porque “a maior parte do tempo están facendo pé”. Os concelleiros recibiron queixas de nenos e nenas que “saíron cos pés sangrando ou que gastaron o fondo das chanclas que levaban vestidas”.
ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS PÚBLICOS
O Grupo Municipal Popular tamén pide ao bipartito de PSOE e Vilalba Aberta que “realicen o debido mantemento das zonas abertas ao público” ao apreciar que a terraza está chea de maleza. “As instalacións públicas que se empregan no verán deberían estar acondicionadas, como mínimo, antes do inicio do mes de xullo”.