O PP esixe explicacións sobre as variacións nas obras das beirarrúas de Xermade
Os concelleiros do PP de Xermade advirten do cambio de materiais nas obras de reposición das beirarrúas no núcleo do Pedreiro con respecto ao proxectado e piden explicacións ao goberno municipal socialista.
O portavoz, Antonio Riveira, explica que “no proxecto di claramente que o acabado debe ser de formigón coloreado antiescorregadizo e fratasado, mentres que o que podemos ver na parte que aparentemente está finalizada é un remate de formigón sen colorear e con acabado liso. Esa variación de materiais supón unha rebaixa no prezo da obra, pero tamén unha diminución das condicións de seguridade para os peóns”.
Os populares piden explicacións ao alcalde polas deficiencias na execución do proxecto e que aclare “a que ten pensado dirixir a parte que aforra na obra por non aplicar o acabado proxectado”. Así mesmo, engaden que “as obras da outra fase foron licitadas en datas similares”; pero “aínda non comezaron”.
Os concelleiros do Partido Popular tamén advirten que “na zona de acceso á igrexa parroquial de Santa María se bota en falta un rebaixe para cadeiras de rodas ou carriños como xa existía con anterioridade para favorecer o acceso a persoas con mobilidade reducida”.
Por outra banda, quixeron tamén puntualizar que “parece un contrasentido usar plásticos para o sistema de apantallamento dos contedores de recollida de residuos que contempla o proxecto” toda vez que “no noso concello a madeira é un elemento importante” e, incluso, “ten unha actividade empresarial que é referente nacional no tratamento da madeira, colocación de elementos útiles, decorativos e naturais”.
LUCES E ACTIVIDADES DE NADAL
Os populares cren que as actividades -especialmente dirixidas aos máis pequenos- e a decoración de Nadal contribúe nesa época do ano á dinamización socio-cultural do municipio e tamén económica: “a actividade anima ás persoas e pode xerar movemento económico”.
O Grupo Municipal do PP pide explicacións ao goberno local socialista ante o “mal uso das luces de Nadal”; xa que nalgunhas parroquias se acenderon o 25 de decembro cando xa deberían levar días en funcionamento. Pero “o curioso é que continúan acendidas estes días supoñendo un gasto económico que agora non ten sentido”.
O alcalde recoñeceu que se acenderon tarde e xustifica o feito de que continúen acendidas pasada a metade do mes de xaneiro dicindo que “como se acenderon máis tarde, se apagan máis tarde”. Os populares inciden en que “é un sen sentido” porque “as luces deben estar acendidas acorde ás datas do Nadal”.
Se ben cren positiva a actividade en Xermade, os concelleiros cren que “como toda actividade que supón un custo económico para o Concello, se deben dar explicacións de forma transparente”. É por iso polo que piden “a comparecencia do alcalde ou da concelleira de Cultura para que dea conta de forma detallada dos gastos destas festas de Nadal e dos custes individuais de cada actividade”.