O PP insta á alcaldesa “a preocuparse por non perder máis subvencións”
O Grupo Municipal do PP de Vilalba convida á alcaldesa socialista e ao seu equipo de goberno a “preocuparse por xestionar debidamente os asuntos de competencia municipal” porque “a súa mala xestión supón “a perda de subvencións doutras administracións”.
Ante as declaracións da alcaldesa poñendo deberes ao Goberno autonómico, os populares convidan á señora Rouco a “cumprir coa súa parte” porque cren que “o que merecen os nosos veciños é que o goberno local atenda ás súas competencias” e “non perda máis subvencións” porque “se o Concello non recibe eses apoios por non cumprir coa súa parte, os custes teranos que pagar todos os vilalbeses”.
Á perda dunha axuda de 50.000 euros para a praza Emigración e de 193.000 euros para a rúa do Calvario no anterior mandato, hai que engadir outras subvencións perdidas neste mandato coma os 193.000 para o camiño do Cotarón, os 140.000 euros aos que renunciaron para mellorar o CEIP Mato Vizoso e o anexo da Madalena ou os 46.000 euros para mellorar a rede de abastecemento de auga. Tamén rexeitaron a axuda de preto de 450.000 euros para a plantación de árbores no casco urbano e deixaron perder “por non licitar a obra a tempo” outro millón de euros para a reforma da Casa do Concello, “outro exemplo de obra faraónica ideada polo goberno local que puido ter aproveitado esa axuda para arranxar outras instalacións municipais”.
“O desastre na xestión é tal que solicitan axudas, pero non se preocupan de cumprir os prazos nin de presentar a documentación xustificativa e acaban perdéndoas ou, incluso, noutros casos, rexéitanas”, explica o viceportavoz, José María García-Leira.
ENGANOS QUE SAEN CAROS
O popular engade que “os continuos anuncios do goberno local que non se chegan a materializar son un engano aos veciños que, ademais, sae caro porque hai que pagar igualmente polos proxectos técnicos aínda que non se fagan as obras prometidas”.
COMPROMISO CON VILALBA
O Partido Popular, incluídos os seus representantes no Concello, e tamén o Goberno da Xunta teñen manifestado en numerosas ocasións o seu compromiso con Vilalba, “incluso apoiando áreas que non son competencia autonómica como é o caso do SAF que é un servizo municipal. Aínda así a Xunta sufraga arredor do 60% do seu custe”. De feito, “o ano pasado achegou a Vilalba máis de 2 millóns de euros para o Servizo de Axuda no Fogar”.
Así mesmo, “tendo en conta a ampla maioría de apoio recibido polo PP o pasado domingo, cremos que os vilalbeses referendaron a política da Xunta, independentemente de todos os ataques feitos pola alcaldesa”. Nese sentido, “temos que agradecer o apoio dos veciños e veciñas ao PP nas eleccións autonómicas tanto nas parroquias do rural coma no casco urbano”, conclúen.