A Deputación acorda pedir á Xunta a declaración de praga de vespa velutina
O Pleno da Deputación aprobou a proposta do Goberno Provincial de pedir á Xunta de Galicia a declaración de praga da vespa velutina, medios económicos profesionais para combatela e o financiamento dunha campaña de trampeo masivo de raínas; ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a revisar e actualizar o protocolo de 2015 que leva por nome Estratexia de Xestión, Control e posible erradicación do Avispón Asiático ou vespa negra; e ás institucións Europeas a urxencia de abordar este asunto para definir unha estratexia comunitaria. Os 12 Deputados do PP non quixeron apoiar esta proposta ao considerar que non é necesario que o Goberno galego declare a vespa velutina como unha praga, comparando expansión ou os efectos deste especie coa da carracha.
O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, explicou que “a provincia sufre a vespa velutina dende o ano 2013 e a Xunta de Galicia, que é a administración coas competencias en medio ambiente na Comunidade, non fixo practicamente nada, deixando que Concellos e veciños lle fixesen fronte como puidesen, castigando coma sempre ao rural. Segundo os propios datos do Goberno galego, que non recollen a verdadeira realidade, a presenza da velutina multiplicouse por 4 en tres anos, pois no 2014 figuraban niños en 14 municipios da provincia e no 2017, data do último mapa que publicou a administración autonómica, facíano en 56 Concellos”.
Partido Popular
Sobre este tema, o Grupo Provincial do PP asegura ser consciente do grave problema que supón a presenza da vespa velutina na provincia, polo que tentou chegar a un consenso que o Grupo propoñente, o PSOE, non admitiu. Os populares consideran que “este asunto requiriría deixar a un lado a demagoxia e buscar a unanimidade; xa que “é fundamental a intervención de todas as administracións dentro dos seus ámbitos e competencias” como indicou o deputado José Ulla.
Así pois, dende o Grupo Provincial Popular lamentan que o Goberno Provincial non aceptase a emenda pola que os populares pedían “o traballo coordinado e conxunto das administracións públicas (Estado, Xunta de Galicia, Deputacións Provinciais, Concellos e Unión Europea) e os axentes económicos e sociais afectados na loita contra a vespa velutina”. De feito, durante a súa intervención, o deputado José Ulla, defendía o “incremento da dotación económica, técnica e profesional de xeito proporcionado e acorde á importancia e extensión desta especie exótica invasora no noso territorio, no marco do Plan de vixilancia e control da vespa velutina”.
Ademais, “tendo en conta que son os técnicos os que deben indicar a forma adecuala para combatela”, o Grupo Provincial Popular defende “a investigación sobre este problema e a formación de profesionais que loiten contra o mesmo no marco da Estratexia de Xestión, Control e posible erradicación do Avispón Asiático ou vespa negra. E, igualmente, José Ulla considerou que deben ser os técnicos especializados os encargados de determinar tanto os lugares coma o número de trampas a colocar na nosa provincia. “As trampas débense poñer en sitios onde si se detectou a presenza da vespa velutina e non de xeito indiscriminado; xa que o líquido atraínte pode provocar que outras especies caian nas trampas afectando á biodiversidade”, explicou.
“Non hai solución máxica”
O deputado popular recordou que “no momento que se detectou a presenza da vespa asiática en Galicia, a Xunta elaborou un protocolo de vixilancia e control no que colaboran as consellerías de Medio Rural, Medio Ambiente e Presidencia, ademais dos propios Concellos a través da FEGAMP, e mesmo as asociacións apícolas co que se pretendía atallar a súa expansión”. Ulla defende que “dende aquela se estivo traballando a reo, pero no caso da velutina sempre será pouco”.
De feito, o deputado popular considerou que “a administración debe loitar e poñer máis medios”, pero recordoulle ao Grupo Provincial Socialista que “non é a Xunta quen debe declarar este problema como praga, senón que llo corresponde ao Ministerio que os socialistas crearon cun nome mediático como é o de Transición Ecolóxica”. De feito, como indicou, “declarar como praga a presenza da vespa velutina non é unha solución máxica”. Ademais, recordou que “non hai lexislación que ampare a declaración de praga para a vespa velutina como si pasou coa couza guatemalteca da pataca; xa que, na actualidade, só se recolle esta condición para aquelas incidencias que afecten á produción vexetal”.
Mellora das condicións dos GES
Desde o PP corrixiuse a información achegada polo BNG na súa iniciativa. En concreto, aquela sobre que a Deputación achega o 50% do custo do servizo, cando a Xunta achega o 60% por un acordo da Corporación Provincial, un 20% máis que a Deputación. A Xunta ademais achega toda a formación, tal e como explicou Carlos Armesto.
O PP logrou sacar adiante a súa emenda á moción do BNG sobre a mellora das condicións dos GES. En concreto desde o PP pedíase instar ao Goberno da Deputación a tomar as medidas precisas, utilizando todos os medios ao seu alcance, para conseguir que os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia de Lugo teñan un funcionamento eficaz e homoxéneo así como cunhas condicións laborais dignas, todo elo en base aos seguintes puntos:
- Igualación das funcións de todos os traballadores e traballadoras dos GES da provincia, priorizando sempre o seu traballo nas emerxencias supramunicipais sobre calquera outra función de carácter propio do seu concello base.
- Igualación de todos os salarios dos traballadores e traballadoras dos GES, tendo cando menos a categoría laboral de oficial de 2ª e garantindo que ningunha persoa cobre menos que a media dos GES de Galiza.
- Elaboración dun plan de formación para todos e cada un dos GES da provincia acorde ao traballo en emerxencias que teñen que levar a cabo.
- Esixencia de que os grupos estean sempre completos e que exista unha organización do traballo en cada concello que garanta que se poida acudir a todas as emerxencias para as que son solicitados.
Tamén se acordou instar ao goberno da Deputación a que acade os obxectivos do punto anterior implicándose na negociación en curso entre a Xunta de Galicia, as catro Deputacións e os concellos galegos no seo da FEGAMP para establecer un novo modelo de financiamento dos GES.