O PP lucense traslada en Vilalba o apoio ás mulleres rurais coa promesa de crear dun estatuto

TerraChaXa
“O rural e as mulleres son dous piares fundamentais desta provincia e por iso quixemos comezar esta semana, nos últimos días de campaña antes do 18 de febreiro, en contacto con representantes das mulleres rurais”, subliñou Cristina Sanz, “para trasladarlles o noso apoio e presentar algunhas medidas da Galicia de Rueda” coma a aprobación do Estatuto da Muller Rural para garantir os seus dereitos específicos e desenvolver os principios inspiradores da Lei galega da igualdade.
encontro mulleres rurais vilalba
12 Feb 2024

“O rural e as mulleres son dous piares fundamentais desta provincia e por iso quixemos comezar esta semana, nos últimos días de campaña antes do 18 de febreiro, en contacto con representantes das mulleres rurais”, subliñou Cristina Sanz, “para trasladarlles o noso apoio e presentar algunhas medidas da Galicia de Rueda” coma a aprobación do Estatuto da Muller Rural para garantir os seus dereitos específicos e desenvolver os principios inspiradores da Lei galega da igualdade.

A candidata polo PP da provincia ao Parlamento galego acudiu a un encontro celebrado na casa escola de Bordelle, en Vilalba, xunto á tamén candidata Alicia López, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade do Goberno galego e candidata por Ourense, Elena Rivo, e a presidenta do PP vilalbés, Sandra Vázquez.

As populares subliñaron que “as mulleres rurais son parte activa e fundamental no emprendemento rural, aportando o talento e como motores do emprego igualitario e do traballo respectuoso co medio”. E, nese sentido, avanzaron a súa intención de “seguir a traballar da vosa man, da man das entidades que vos representan”.

Rivo subliñou que “nos últimos catro anos o Goberno galego fomentou o emprendemento feminino apoiando a máis de 1.500 mulleres a través do programa Emega con máis de 23M€”. E lembrou que “en Galicia fomos pioneiros na posta en marcha de medidas nos últimos anos para garantir a igualdade entre mulleres e homes, educar nunha sociedade xusta e equitativa, protexer as vítimas da violencia machista e as súas familias, facilitar a conciliación e a corresponsabilidade e erradicar discriminacións por razón de sexo ou identidade”.

A GALICIA DE RUEDA EN IGUALDADE

As populares subliñaron o seu compromiso de “traballar para seguir avanzando na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, xa vivan en contornas urbanas coma en contornas rurais”. Ademais da aprobación do Estatuto da Muller Rural, subliñaron outras medidas coma o incremento das axudas para o acceso das mulleres á actividade agraria e á titularidade das explotacións agropecuarias ou a flexibilidade laboral con apoio a medidas que fomenten o teletraballo, horarios flexibles ou a posta en marcha de servizos de conciliación -estendendo as casas niños a tódolos concellos de Galicia que non dispoñen de ningún outro recurso ou garantindo a gratuidade da educación infantil 0-3 anos.

O programa de Goberno de Alfonso Rueda tamén seguirá a colaborar co tecido empresarial no fomento do ascenso de mulleres en postos de directivos e de decisión, a través dunha nova axuda económica ás empresas. E tamén reforzará e ampliará a formación específica en igualdade laboral; ademais de aprobar a estratexia para o impulso do emprego feminino de alto valor engadido en favor dunha igualdade efectiva nos ámbitos masculinizados.

Así mesmo, prevé ampliar a carteira de servizos dos centros de información á muller (CIM), para atender todas as necesidades.

0.20269203186035