"O PP non apoia que as ambulancias de Foz e Monforte teñan o mesmo persoal que as doutras provincias, impoñendo un novo risco aos lucenses" afirman dende o PSdeG de Lugo

TerraChaXa | AMariñaXa
O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, denunciou que “o PP non apoia que as ambulancias medicalizadas de Foz e Monforte de Lemos teñan o mesmo persoal que as doutras provincias, impoñendo un novo risco aos lucenses”.
2 May 2019

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, denunciou que “o PP non apoia que as ambulancias medicalizadas de Foz e Monforte de Lemos teñan o mesmo persoal que as doutras provincias, impoñendo un novo risco aos lucenses”. O Partido Popular non quixo debater no Pleno da Deputación deste martes unha moción de urxencia presentada polo PSOE para anular novo concurso público de servizos de transporte sanitario terrestre da Xunta de Galicia.

Santos Ramos subliñou que “esta proposta ven motivada porque véñense de publicar os pregos de cláusulas administrativas e técnicas que rexen este proceso de contratación no que a provincia de Lugo volve a ser lesionada polo PP no goberno galego. Neles, ven recollido que o persoal das ambulancias de Foz e Monforte de Lemos contarán cun técnico menos que o resto de Concellos de toda Galicia porque o Partido Popular suprime un destes técnicos nos pregos. Foz, que era unha das 10 ambulancias medicalizadas, será a única de toda Galicia que vexa recortado o seu persoal. Os Deputados do PP terán que explicarlle aos veciños da Mariña porqué permiten que isto suceda e nin se dignan a debater e explicar a súa postura. Tamén terán que dar contar aos lucenses do Sur da provincia porqué a ambulancia de Monforte de Lemos estará menos dotada que o resto, empeorando a calidade asistencial dun servizo fundamental pois atende patoloxías tempodependetes, é dicir, onde a vida dos doentes corre perigo”.

Un novo ataque do PP á sanidade da provincia

“Trátase doutro ataque máis promovido polo PP á provincia de Lugo. Primeiro foi a supresión das áreas sanitarias desoíndo as reivindicacións dos veciños e agora son os recortes en servizos e persoal, como nos Hospitais, nos centros de saúde, nas ambulancias, na atención primaria ou nos pediatras. Lamentablemente, vemos todos os días como o Partido Popular está desmantelando as prestacións públicas sanitarias da provincia. Por iso, os socialistas seguiremos loitando por uns servizos dignos e defendendo unha sanidade pública, gratuíta e de calidade”.

0.2195200920105