O PP pedirá a retirada do Mapa do Transporte porque "illa á provincia"

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Antonio Ameijide explica que esta nova proposta do Goberno do Estado “faise dende a imposición” sen contar coas comunidades autónomas
Interior_Autobus-transporte
Interior dun bus
20 Xuño 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que a Deputación de Lugo inste ao Goberno central a retirar a nova proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús xa que “recorta o servizo e deteriora a calidade deste transporte público”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, ve necesario “unha nova proposta” que “non elimine paradas nin retire servizos” xa que á proposta do goberno de Pedro Sánchez o que di é que “van a incomunicar aínda máis á provincia de Lugo, a máis illada de España”.

Por este motivo, no Grupo Popular “non entenden” esta proposta do Goberno central ao que instan a “negociar coas comunidades autónomas o alcance e contido dun novo mapa estatal” para o que consideran necesario convocar de forma urxente a Conferencia Nacional de Transportes.

“É necesario consultar ás comunicades autónomas a situación de cada unha e, neste caso, incorporar as demandas trasladadas desde Galicia tendo en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da nosa comunidade, prestando especial atención ás conexións do e no rural”, defendeu.

A realidade é que as liñas regulares de transporte de viaxeiros por autobús son claves para garantir e favorecer a mobilidade dos cidadáns, en especial daqueles que viven en zonas rurais e con menor densidade de poboación, e tamén para comunicar e vertebrar a nosa comunidade e conectala co resto de España.

En xullo do ano 2022 tivo lugar un primeiro intento de impoñer un novo mapa de rutas do autobús estatal, que provocou gran alarma e alegacións tanto entre os gobernos autonómicos como entre a cidadanía, pola supresión de paradas e rutas.

A pesar de que no seu momento se retirou esta proposta, ante o rexeitamento que provocou, “vemos como o Goberno de España, en lugar de rectificar, volve a propoñer un novo mapa que retoma a intención de suprimir paradas e rutas en termos semellantes aos do ano 2022”.

A nova proposta faise desde a imposición, sen contar coas comunidades autónomas, nin atender ás alegacións presentadas desde Galicia e tamén dende o Grupo Provincial Popular nesta institución.

0.18512105941772