O PP pedirá en Pleno explicacións sobre a situación da Pravia a e ponte da Ribeira
O Grupo Municipal Popular de Vilalba pedirá no vindeiro pleno a comparecencia da alcaldesa ou do concelleiro correspondente para dar explicacións en materia de ordenación do tráfico, circulación e mobilidade viaria no caso urbano. Concretamente, esixirán aclaracións sobre a situación de provisionalidade da dirección única na rúa da Pravia que se foi alargando no tempo, o plan de mobilidade “fantasma” no que di amparar o goberno a súa decisión unilateral e que ninguén ve, a ordenanza que regula a instalación e uso de terrazas na vía pública ou a regulación anunciada para o uso do aparcadoiro do soto da Praza da Constitución.
Os populares engaden que “a alcaldesa debe dar explicacións sobre a duración da situación de provisionalidade do sentido único da rúa da Pravia e, polo tanto, para cando está previsto adoptar unha medida definitiva e, nese caso, se será adoptada de xeito unilateral ou con consenso político e social. Así mesmo, queren saber se existen os informes técnicos aos que tantas veces fixo referencia a alcaldesa sobre a situación da rúa da Pravia”.
O portavoz, Agustín Baamonde, explica que se trata dun tema complexo debido “á presión dun parque automobilístico grande -ao ser a vila centro de servizos e de comercio para o entorno rural do concello e para a comarca da Terra Chá e cruce importante de camiños-; á propia configuración da trama viaria urbana asentada sobre a intersección de dúas estradas importantes, a N-634 e a de Rábade-Ferrol; a escaseza de aparcadoiros fóra das propias rúas e o hábito adquirido de querer chegar no coche a todas partes”.
Pero, ademais disto, “a decisión tomada polo equipo de goberno de establecer a dirección única de circulación na rúa da Pravia, xunto coa instalación de terrazas e o estacionamento en batería está a provocar as queixas de moita xente e un notorio caos circulatorio con importante incidencia no pulso económico e nos hábitos de comportamento da vila”, advirte.
PONTE DA RIBEIRA
O Grupo Municipal Popular trasladará ao pleno as queixas dos veciños que requiren a reparación dos danos que presenta a Ponte da Ribeira, na estrada de San Simón a Samarugo. “Agardamos que o goberno local tome as medidas oportunas para evitar situacións de perigo que poderían derivar do seu progresivo deterioro”.