O PP pedirá no pleno de Pol que se traslade o PAI a un edificio "más axeitado"

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira explica que o Concello de Pol dispón de inmobles e espazos públicos que cumpren as características técnicas para poder acoller o servizo con máis garantías
pai-de-pol
30 Sep 2025

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Pol defenderán no vindeiro pleno unha moción para que o goberno local inicie, con carácter inmediato, os trámites necesarios para o traslado do Punto de Atención á Infancia (PAI) a unha nova localización “máis axeitada, segura e accesible”, así como que se garanta a dotación de todos os recursos necesarios no novo espazo, co fin de asegurar que o servizo se preste.

A voceira popular, Nicole Grueira, sinala que cómpre lembrar que “a día de hoxe, o PAI de Pol presenta importantes carencias e sinais evidentes de abandono por parte do Concello, polo que cómpre garantir a seguridade dos usuarios e dos traballadores”. “O Concello dispón de inmobles e espazos públicos que cumpren as características técnicas para poder acoller o servizo con máis garantías, proporcionando unha atención máis digna, cómoda e segura tanto para os nenos como para o persoal educativo”, sinalou.

O PAI de Pol “é un servizo fundamental” para a atención e educación dos nenos e nenas de entre os 3 meses ata os 3 anos, ademais de ser un garante para a conciliación da vida familiar e laboral das familias. Na actualidade atende a 16 nenos e nenas e mesmo conta con lista de agarda, “o que evidencia claramente a súa necesidade, demanda e utilidade dentro do municipio”.

Nicole Grueira lembra que se trata “dun servizo de titularidade municipal polo que é responsabilidade do goberno local garantir que funcione en condicións óptimas” algo para o que é mester “dotalo dos recursos necesarios, localizado nun espazo axeitado, accesible e seguro”.

Para os concelleiros populares “é urxente actuar” para garantir a continuidade e a calidade deste servizo, recordando tamén que “non é a primeira vez que defendemos esta petición no pleno, pero o alcalde está a demostrar que ten outras prioridades”.

⚙ Configurar cookies
0.095441102981567