O PP pedirá o apoio do Pleno de Guitiriz para esixir que non se supriman os buses que unen a vila con Madrid e Bilbao

TerraChaXa
José Manuel López, explica que “se finalmente se suprimen estas liñas de bus o que está a facer o Goberno do Estado é deixarnos sen conexión coa Meseta e a Cordilleira cantábrica”.
autobus-transporte
20 Jan 2025

Os concelleiros do PP de Guitiriz defenderán no vindeiro pleno unha proposta para que o Concello reclame ao Goberno de España que dea marcha atrás coa nova proposta do mapa concesional do transporte interurbano que quere impoñer Pedro Sánchez que deixa a Guitiriz sen conexión con Madrid e Bilbao.

O voceiro popular en Guitiriz, José Manuel López, explica que “se finalmente se suprimen estas liñas de bus o que está a facer o Goberno do Estado é deixarnos sen conexión coa Meseta e a Cordilleira cantábrica”.

“A realidade é que Pedro Sánchez pretende deixar sen servizo de liña de bus estatal a pequenos concellos rurais, provocando así a perda de comunicacións con outras comunidades e tamén dentro de Galicia”, lamentou.

José Manuel López recorda que os representantes populares no Senado conseguiron a aprobación dunha iniciativa (presentada polo Grupo Popular) – co voto en contra do PSOE e a abstención do BNG –para instar ao Goberno de Sánchez un novo mapa concesional de transporte regular en autobús para “corrixir a discriminación aos pequenos concellos do rural”.

O popular explica que “Sánchez desconecta Galicia e castiga, en particular, á provincia de Lugo” á vista da supresión do servizo en 10 municipios, entre os que se inclúe Guitiriz (esta medida tamén afecta a Baralla, Chantada, O Corgo, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, A Pontenova e Quiroga), que perden o servizo de forma completa. “Os veciños e veciñas de Guitiriz perden a posibilidade de comunicarse con outras localidades porque non hai a posibilidade de solicitar subirse ou baixarse”, lamentou.

0.17170286178589