O PP pide á Deputación que amplíe o prazo para tramitar o Plan Único

TerraChaXa | LugoXa
O PP solicita do goberno da Deputación a ampliación nun mes do prazo para que os concellos presenten as súas solicitudes e proxectos para o Plan Único 2021, un incremento necesario porque á complexidade da tramitación únense nesta ocasións os problemas derivados da pandemia.
2 Feb 2021

O PP solicita do goberno da Deputación a ampliación nun mes do prazo para que os concellos presenten as súas solicitudes e proxectos para o Plan Único 2021, un incremento necesario porque á complexidade da tramitación únense nesta ocasións os problemas derivados da pandemia.

O portavoz do grupo provincial popular, Javier Castiñeira, sinala: “O pasado 12 de xaneiro publicáronse no Boletín Oficial da Provincia as bases do Plan Único 2021 e nesa data deu comezo o prazo dun mes para que os concellos presenten as súas solicitudes e proxectos. Lembramos que hai días decretáronse novas medidas restritivas para loitar contra a terceira vaga da covid-19 e que hai varios concellos nos que os membros dos seus equipos de goberno e funcionariado ou están confinados preventivamente o están afectados. Á vista da situación, cremos que é necesario aumentar ese prazo un mes máis”. Este incremento do prazo é algo, sinala Castiñeira, “que nos expoñen diferentes concellos”. Explica: “Ademais das complicacións provocadas pola pandemia, este mes xa é bastante complexo de por si para moitos concellos, porque están aprobando os seus orzamentos, o que xera moito traballo administrativo. Así as cousas, a presentación do Plan Único nestas condicións pode ser un problema e algún concello podería quedarse atrás”.

O portavoz popular di: “O que quere o PP é que todos os concellos poidan tramitar os seus proxectos en tempo e forma e para iso necesitan un mes máis de prazo. Estamos a tempo. Neste caso temos que felicitar ao equipo de goberno da Deputación, porque tramitou en tempo e forma o Plan Único a finais do ano pasado; comparando co ano anterior, temos bastante máis marxe”.

Castiñeira sinala: “Solicitamos que o equipo de goberno da Deputación inicie a tramitación dese aumento de prazo e para elo terá a colaboración do PP naquelo que necesite. É necesario tamén porque moitos colaboradores e oficinas técnicas traballan con moitas limitacións a causa da pandemia. É necesaria esta prórroga e esperamos que o goberno provincial acceda a esta petición dos concellos”.

0.1877658367157