O PP pide á Deputación que paque "de maneira urxente" a parte consignada no Orzamento para a equiparación salarial dos bombeiros da provincia
O Grupo Provincial do PP levará unha moción ao vindeiro Pleno que celebre a Corporación na que solicita que se pague de maneira urxente, cos informes pertinentes, a parte consignada no Orzamento da Deputación Provincial de Lugo de 2017 para a equiparación salarial dos bombeiros que prestan os seus servizos na nosa provincia.
Os populares demandan ademais que o Presidente da Deputación de Lugo eleve ao pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, no prazo máis breve posible, a súa vontade de cambio do actual modelo de xestión polo de xestión directa do servizo como así se acordou o 27 de xuño a iniciativa do PP. Tamén lle piden que dea conta ao pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, na maior brevidade posible, do informe económico e xurídico no que se concreten actuacións e se establezan prazos para levalas a cabo e no que se xustifique cando menos:
- as vantaxes da xestión directa fronte ao modelo actual;
- que esta non supoña un menoscabo para os contribuíntes;
- que a mesma non implique perda dos empregos dos profesionais que na actualidade están a prestar os seus servizos.
Unha vez definidos os asuntos anteriores, desde o Grupo Provincial do PP solicitan que se someta ao pleno do Consorcio o calendario concreto para proceder á mellora das condicións laborais dos traballadores do cadro de persoal dos parques de bombeiros pertencentes ao Consorcio, en particular, a súa equiparación económica en termos de igualdade co resto dos profesionais de Galicia.
Garantir que as empresas cumpren o seu contrato
Por último, desde o PP insisten en que o Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo Contra Incendios e Salvamento vixíe e esixa o cumprimento por parte das empresas adxudicatarias das condicións do prego e das melloras achegadas no seu día para optar á xestión do servizo dos parques de bombeiros.
Os populares trasladan esta petición ante a información que teñen achegado os traballadores que fai sospeitar que as empresas adxudicatarias están a incumprir o prego de condicións e as melloras por elas presentadas para optar á xestión do servizo.
Desde o Grupo Provincial do PP lamentan que o BNG non teña advertido destas supostas irregularidades que veñen denunciando os traballadores cando formaban parte do Goberno. “Agora parece que lles preocupa que as empresas puideran estar incumprindo o contrato, pero deberan explicar onde estiveron ata agora cando formaban parte do bipartito e non trasladaron unha soa queixa”.