O PP pide á Deputación que poña en valor patrimonio como as naves de Begonte
"O bigoberno provincial (PSOE-BNG) non ten interese algún en poñer en valor o patrimonio herdado da desaparecida sociedade provincial Suplusa", así o explica o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, que tamén sinala: “É unha pena que o goberno da Deputación non queira poñer en valor todas as parcelas e todo o patrimonio que deixou Suplusa. Así o vimos demostrado no pasado pleno, cando socialistas e nacionalistas votaron en contra de seguir a estratexia de Suplusa de crear polígonos industriais en concellos rurais da provincia, e así o vemos tamén no que se refire a moito capital, a moitas parcelas e infraestruturas que están abandonadas”. Castiñeira cita neste sentido o caso da naves cedidas por Manuel Mallo, en Begonte, unhas instalacións que son da Deputación de Lugo, que tamén as herdou de Suplusa. Lembra que “foi unha cesión para que a Deputación as puxera en valor, para que houbera actividade ao redor deste taller de cantería, para non perder un oficio tan significativo nesta zona; este proxecto está parado, sen executar, e non nos gusta”.
Castiñeira lembra que os populares pediron poder acceder ás naves para saber como están e o goberno da Deputación denegou o acceso, porque nin eles mesmos son capaces de saber cal é o estado. O PP pide que canto antes se poñan mans a obra, porque hai moito que facer.
Javier Castiñeira sinala: “Hai que recordar que no 2023 Manuel Mallo cumpriría 100 anos. Esas naves deben estar funcionando para entón, pero ao ritmo que vai a Deputación non sabemos se para ese ano estarán operativas. Dende logo, se aplica o ritmo da área fluvial de Augas Mestas, da Casa da Botica ou da Casona do Incio, tampouco no 2023 imos ter funcionando este taller; é un ano para facer cousas e tratar de celebrar ese aniversario con diferentes actos, e, o máis importante, con actividade formativa nestas naves, como anunciou a Deputación de Lugo reiteradamente, pero nada fixo ata o momento”.