O PP pide a Llano que "o PSOE non desmantele FEVE en Burela e na Mariña"

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Os populares piden ao alcalde de Burela que “non intente desviar a atención” cando o seu propio partido –o PSOE- desde o Goberno central está desmantelando o servizo de FEVE no seu propio concello e esíxenlle que actúe “con contundencia” para evitar a perda de servizos ferroviarios tanto en Burela como no conxunto da Mariña.
10 Xan 2020

Os populares piden ao alcalde de Burela que “non intente desviar a atención” cando o seu propio partido –o PSOE- desde o Goberno central está desmantelando o servizo de FEVE no seu propio concello e esíxenlle que actúe “con contundencia” para evitar a perda de servizos ferroviarios tanto en Burela como no conxunto da Mariña.

Para o PP resulta paradóxico que o alcalde saia en prensa criticando á Xunta cando esta é a única administración que ten os deberes feitos en materia de mobilidade e, en contraste, sexa “tibio” cos plans do Goberno central para desmantelar FEVE. “Non pode alegar que o Goberno está en funcións e que por iso non defende os intereses de Burela, porque este goberno en funcións está tomando decisións moi prexudiciais para Burela, empezando por recortar o servizo de venda de billetes en taquilla”, afirma Manuel Rouco.

Os populares lembran que en materia de mobilidade a Xunta ten os deberes feitos, no ámbito da súa competencia, que é o transporte por autocar: xa está contratada a obra de mellora da estación de autobuses da localidade (na que se investirán 70.000 euros) e mellorou significativamente o transporte por autobús con frecuencias cada dúas horas que unen Burela con Ribadeo e Viveiro e con outros puntos da provincia e de Galicia.

Pola contra, desde que os socialistas fixéronse cargo da xestión de FEVE, todo son malas noticias: recorte nas frecuencias, no persoal, recortes incluso na venda de billetes nas estacións como as de Burela ou falta de mantemento xeral no servizo.

Dende o PP botan en falta que Llano sexa máis “belixerante e contundente” esixindo que non se desmantele FEVE, tanto como alcalde como tamén na súa condición de presidente da mancomunidade da Mariña, unha institución que antes sempre utilizaba para esixir melloras na comarca, “algo que agora non é capaz de facelo cando quen recorta os servizos é o seu propio partido”, conclúe o voceiro popular.

0.1932680606842