O PP pide acceso ao inventario dos bens da Deputación da nave de Begonte

TerraChaXa
Antonio Ameijide explica que “foi ante a nosa insistencia por coñecer o interior da nave cando o goberno provincial reaccionou e encargou un inventario dos bens que alberga”
visita-nave-begonte-pp
Visita á nave
4 Ago 2024

O Grupo Provincial Popular pedirá acceso ao inventario dos bens que a Deputación de Lugo ten almacenados na nave do polígono de Carral, en Begonte; e tamén solicitará a posta a disposición dos concellos do material que alberga e lles puidera resultar útil.

O portavoz, Antonio Ameijide, explica que “despois de meses de espera e de ter que recorrer á Valedora do Pobo porque o presidente Tomé denegaba a entrada aos deputados populares en edificios públicos, conseguiamos entrar na nave titularidade da Deputación o pasado mes de xuño, cando puidemos comprobaron que o goberno provincial a converteu nunha especie de vertedoiro”.

De feito “estábanse a deteriorar moitos e variados elementos -embarcacións de todo tipo como veleiros ou lanchas pneumáticas, diversa maquinaria, elementos de balizamento, de xogo de parques infantís ou para a práctica de deporte- que, nalgúns casos, poderían resultar útiles para os Concellos”.

Os deputados populares xa pediran a posta en valor da nave e dos elementos que almacena a mediados do mes de xuño e cren que, “unha vez realizado o inventario, poderase coñecer con exactitude o material almacenado e determinar cal se podería poñer a disposición dos Concellos”.

Ameijide lembra que “foi ante a nosa insistencia por coñecer o interior da nave, cando o goberno provincial se preocupou de facer un mínimo mantemento deste espazo e acordou a elaboración dun inventario dos bens que alberga e que lle encargou a Tragsa”, explica o popular.

0.10020303726196