O PP pide coñecer o inventario do material que existe na nave de Begonte

TerraChaXa
Denuncian que a Deputación de Lugo “segue sen poñelo a disposición do Grupo Provincial Popular, así como todos os concellos seguen agardando a coñecer o material que hai"
Visita-Nave-Begonte-PP
15 Nov 2024

O PP denuncia que "hai máis dun mes que o goberno provincial ten no seu poder o inventario con todo o material que hai almacenado na nave de Begonte e o prazo para a súa elaboración rematou o 13 de outubro".

Así, denuncian que a Deputación de Lugo “segue sen poñelo a disposición do Grupo Provincial Popular, así como todos os concellos seguen agardando a coñecer o material que hai alí e para saber se poderán solicitar a súa cesión ou uso”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ve “fundamental” saber todo o que PSOE e BNG “tiraron durante anos” nesa nave “así como saber o seu estado de conservación”, xa que “o máis seguro é que moitos deses elementos se poidan poñer a disposición dos concellos”, pero “canto máis tempo deixen pasar sen facilitar o inventario e sen permitir que os concellos poidan solicitar o seu uso ou cesión máis se deteriorará”.

Antonio Ameijide, recorda que o pasado mes de xuño “puidemos acceder ao interior desta nave despois de moitos meses solicitándoo e tendo que percorrer ao amparo da Valedora do Pobo, que instou a José Tomé a permitir a entrada dos deputados populares nas propiedades da Deputación, manifestando que o seu veto non era lóxico nin está permitido”.

Nesa entrada, os deputados populares puideron comprobar a gran variedade de material que alí se almacena e que pode ser de gran axuda no día a día dos concellos da provincia, como maquinaria de obra e para o coidado e mantemento de zonas verdes; embarcacións de diferentes características, como lanchas pneumáticas ou veleiros e chalanas ademais doutras embarcacións de menor tamaño; material de balizamento e de sinalización de obras; elementos de xogo de parques infantís; elementos decorativos, como esculturas, material deportivo...

“Case todos os concellos da provincia teñen uns recursos económicos e de persoal moi limitados, polo que toda axuda que se lles poida prestar sempre será benvida para dar un mellor servizo aos seus veciños, polo que non se pode perder máis tempo porque canto máis se agarde a poñer ese material a disposición maior risco hai de que se deteriore”, explicou.

Antonio Ameijide recorda como foi a raíz da entrada dos deputados populares nesta propiedade da Deputación cando o goberno provincial se preocupou por ter un inventario de todo o material que hai alí almacenado, así como por realizar os necesarios traballos de mantemento da parcela, “ata ese momento totalmente abandonada e moi perigosa, chegando a haber un pozo aberto e de fácil acceso para calquera”.

0.20042705535889