O PP pide ao Goberno central que se financie con fondos europeos o hidroduto Guititiz–Zamora
Os deputados galegos na Cámara Baixa e no Parlamento de Galicia, acompañados da presidenta provincial, Elena Candia, dos senadores lucenses, dos voceiro na Deputación e no Concello de Guitiriz, piden a comparecencia no Congreso da ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, para que o Goberno aclare as previsións respecto do proxecto para a construción dun corredor de hidróxeno verde que conectaría a Península Ibérica con Francia e Alemaña.
A presidenta provincial, Elena Candia, lamenta “que quedar fóra da rede de hidróxeno é un fito negativo máis que ten a nosa provincia que nos temos a obriga de denunciar e, sobre todo, pedir que se rectifique”.
Segundo explicou Francisco Conde, as declaracións contraditorias do Goberno fan saltar todas as alarmas, trasladando así a preocupación coa que se recibiu esta noticia no PPdeG e no PP de Lugo.
Deste xeito, as iniciativas presentadas van encamiñadas, precisamente, a que o Executivo “aclare porque este proxecto foi excluído dos fondos europeos pero, sobre todo tamén, que poda concretar cales van a ser os pasos que vai a dar o Goberno para que este proxecto poda ser unha realidade”.
Por outra banda, pídelle tanto á ministra como a Gómez Besteiro “rigor e humildade. Á ministra para que concrete cales van a ser as datas de construción do hidroducto e cales van a ser as vías de financiamento xa que é o que están pedindo os inversores; e a Gómez Besteiro porque cando hai que falar de proxectos hai que falar con documentos. Hai documentos asinados por parte da Xunta de Galicia con Enagás e o Goberno sabe perfectamente cal é o proxecto e a importancia que ten. A ambigüidade e a falta de concreción pode ser un lastre para o desenvolvemento do H2 en Galicia”, alerta o deputado no Congreso.
O hidroduto Guitiriz-Zamora
Os populares consideran prioritario, ademais, que o Executivo facilite e priorice que Enagás poida acometer os investimentos necesarios para a conexión galega na conformación dun proxecto común do corredor atlántico de hidróxeno verde; defender ante a UE a necesidade de financiar con fondos europeos o hidroduto Guititiz–Zamora, atendendo a todos e cada un dos programas e instrumentos dispoñibles no marco da transición verde.
Ademais, piden habilitar nos próximos Presupostos Xerais do Estado, mediante o correspondente programa plurianual, os fondos nacionais que resulten necesarios para facer posible o hidroduto en igualdade de condicións respecto do resto de proxectos que si foron incluídos no PCI aprobado pola Comisión Europea, a fin de contribuír a unha maior eficiencia no desenvolvemento da transición enerxética no conxunto de España.
Por último, esixen habilitar as modificacións normativas que resulten precisas para que o proxecto Guitiriz-Zamora goce das mesmas vantaxes de tramitación administrativa que o resto de iniciativas que si están contempladas no PCI aprobado pola Comisión Europea, a fin de contribuír a unha maior eficiencia da transición enerxética en España.