O PP pide un Pleno extraordinario da Deputación para falar do coronavirus

TerraChaXa
O voceiro do Partido Popular provincia, Javier Castiñeira, avanzou que formalizará a solicitude dunha sesión plenaria extraordinaria "despois de esgotar sen éxito todas as vías posibles para que o presidente da Deputación convoque unha reunión da xunta de portavoces para abordar a situación na que se atopa a provincia como consecuencia da crise sanitaria e das dificultades económicas que xera, así como para fixar as medidas necesarias para axudar a superalas".
12 Maio 2020

O voceiro do Partido Popular provincia, Javier Castiñeira, avanzou que formalizará a solicitude dunha sesión plenaria extraordinaria "despois de esgotar sen éxito todas as vías posibles para que o presidente da Deputación convoque unha reunión da xunta de portavoces para abordar a situación na que se atopa a provincia como consecuencia da crise sanitaria e das dificultades económicas que xera, así como para fixar as medidas necesarias para axudar a superalas".

Castiñeira di que os populares solicitan o pleno extraordinario “diante da inconcibible actitude autoritaria do presidente Tomé e a submisa actitude do BNG no seu intento de silenciar ao grupo maioritario, que é o do PP”. Tamén toman esta iniciativa pola “negativa do presidente a convocar o pleno ordinario correspondente ao pasado mes de abril, a pesar de que, como xa quedou demostrado, pode desenvolverse de xeito telemático; incluso dubidamos de que queiran convocar o de maio”.

O portavoz popular argumenta a necesidade da sesión extraordinaria que solicita “debido á falta de iniciativa do goberno provincial para adoptar medidas para axudar a que a provincia supere canto antes a crise sanitaria e as dificultades económicas que leva aparelladas; tamén pola tardanza na compra do escaso material de protección contra o Covid-19, case 40 días despois de decretado o estado de alarma”. Castiñeira ve con profunda preocupación “a nula acción do goberno provincial a favor dos sectores produtivos e a escasa inversión efectuada, que, ademais, está baseada en plans anuais xa existentes como o Plan Único e o Plan de Subvencións”. Por todo elo, di Castiñeira, “o grupo provincial do PP vese obrigado a solicitar un pleno extraordinario para que o goberno escoite e teña en conta as nosas propostas, que expuxemos durante estes case 60 días de estado de alarma”.

“Faremos -di Castiñeira- que Tomé compareza no pleno e comprometa partidas extraordinarias para un plan posCovid-19 que axude a nosa provincia a saír desta crise”. As propostas populares inclúen “a formación dunha comisión de seguimento, que posibilite a participación e o control no deseño e execución das medidas que é preciso tomar”.

Os populares consideran necesario “que o presidente Tomé cambie de actitude, que abandone esta actitude que mantén, totalmente retrógrada, coa complicidade do BNG; teñen que escoitar á oposición e aos sectores produtivos”. Castiñeira dixo que “no grupo popular tendemos a man para traballar e colaborar desde o primeiro momento; fixémolo, facémolo e farémolo de xeito totalmente leal e comprometido coa provincia de Lugo”.

0.18449902534485