O PP pide unha xornada de portas abertas para visitar a nave da Deputación de Begonte

TerraChaXa
Antonio Ameijide recorda que “tal e como advertimos non houbo ofertas ao paquete preparado por PSOE e BNG”
Visita-Nave-Begonte-PP
7 Apr 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular confirmaron o que viñan advertindo dende hai semanas: “non houbo interesados no alleamento dos bens da nave de Begonte que PSOE e BNG sacaron a poxa pública”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que non houbo oferta algunha ao lote sacado a poxa polo goberno provincial xa que “mesturaron todo tipo de elementos, moi diferentes entre si, o que provocou que non houbera interesados reais”.

Ante esta situación, Ameijide esixe a PSOE e BNG que organicen unha xornada de portas abertas para todos os concellos e asociacións sen ánimo de lucro da provincia para que poidan ver de primeira man “todos os bens que a Deputación ten alí tirados” e así poidan coñecer o seu estado e ver cales lles interesan para logo solicitar á Deputación a súa cesión para o seu uso nas súas actividades diarias.

O voceiro popular fai esta reclamación xa que “tememos que agora PSOE e BNG entreguen a dedo todos estes bens a quen eles queiran”, unha situación que se podería producir xa que segundo se recolle no prego de condicións na cláusula 14:

“despois da celebración da licitación, cando non fose adxudicado o lote, fora declarada fallida ou deserta a poxa, o órgano competente poderá acordar o seu alleamento mediante adxudicación directa nas mesmas condicións e polo prezo de saída fixado neste prego ou noutro caso poderase acordar a súa destrución”

Antonio Ameijide recorda que “a Deputación de Lugo está para colaborar cos concellos e coa veciñanza, non para facer negocio” polo que insta ao goberno provincial “a colaborar con todos os lucenses e ceder os bens a aqueles municipios e entidades que os soliciten”. “A ver se agora que comprobaron que non hai interesados reais en lotes de produtos tan diferentes entre si que o mellor é poñelos a disposición de todos os lucenses da provincia”, sinalou.

Pese a todo, os deputados populares estarán vixiantes para evitar que “PSOE e BNG adxudiquen o lote a dedo a quen eles decidan”.

Dende o PP recordan que “se hoxe sabemos todo o que hai dentro desta nave é grazas ao traballo e insistencia que tivemos dende o Partido Popular”. “Estivemos moitos meses pelexando e presionando para que nos autorizaran o acceso para coñecer o que alí había almacenado, así como que se limpase o exterior xa que era unha zona moi perigosa, con pozos abertos, e na que se PSOE e BNG montaron un desguace”.

Na nave de Begonte hai material de todo tipo almacenado, dende maquinaria embarcacións, electrodomésticos, material deportivo e polideportivo, material de obra, equipamento de edificios, obras de arte ou material para tallar pedra.

⚙ Configurar cookies
0.161465883255