O PP pídelle ao alcalde “a devolución inmediata” do diñeiro cobrado “indebidamente” do Concello de Muras
O Grupo Municipal do Partido Popular vén de rexistrar unha moción para instar ao alcalde de Muras á devolución inmediata de tódalas cantidades de diñeiro indebidamente cobradas do Concello, dende a celebración do pleno ordinario do 27 de decembro de 2023 “cando se debateu e votou o réxime retributivo dos cargos públicos municipais e no que o alcalde propoñía o seu propio soldo”.
O resultado da votación foi de empate -3 votos a favor por parte do BNG, 3 en contra dos concelleiros do Partido Popular e 1 abstención da concelleira do PSOE- sen que se producise a correspondente segunda votación de desempate e se aplicase o criterio legal correspondente. “Entendemos que dito acordo, da retribución proposta polo alcalde, non foi legalmente aprobada”.
Os populares explican, ademais, que “dous días despois de dita sesión plenaria, o alcalde emitiu un Decreto polo que aprobou, recoñeceu e ordenou o pago das súas propias nóminas, dos anteriores 6 meses, con carácter retroactivo, con fondos municipais”. Os concelleiros do PP consideran que “ditos cobros son presuntamente ilegais e nulos de pleno dereito, xa que nunca se chegou a aprobar polo Pleno, órgano competente, dita proposta de retribucións”.
Os populares xa advertiran que “o señor Requeijo está a cobrar o seu salario de forma irregular porque no Pleno no que se aprobou a súa dedicación se saltou a lei ao non repetir a votación como corresponde nos casos de empate nas votacións”. A voceira popular, Eugenia Requeijo, incide en que “o único que lle interesa ao alcalde é o soldo. Isto queda claro con ver como está Muras: abandonada e deteriorándose. É o caso das estradas, das obras... Pero tamén se pode ver na xestión do goberno local porque perden oportunidades: o Concello de Muras está en lista de espera para percibir unha axuda para o campamento de verán”.