O PP pregunta polo asfaltado da A-6 entre Lugo e Coruña
Os senadores populares pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Lorenzo Varela e Juan Serrano, presentan sendas iniciativas para que o Goberno aclare que planes ten para a mellora do pavimento da autovía A-6 entre Lugo e A Coruña
Os populares queren que o Goberno aclare que actuacións ten previsto levar a cabo para reparar o pavimento, "cheo de fochancas" entre Lugo e A Coruña. En caso de que estean previstas intervencións, os senadores populares interésanse por coñecer en que consistirán, así como que orzamento hai asignado para tal fin. Advirten de que as melloras deben ter suficiente calidade, un aviso que se produce á vista do resultado dalgunha reparación feita aínda hai pouco tempo. No tramo afectado por ditas obras utilizouse un pavimento escasamente drenante, polo que cando chove a calzada énchese de auga, a diferencia do que ocorre co pavimento orixinal, de alta calidade en canto a drenaxe.
Os mesmo senadores destacan que a maior parte das fochancas están no carril dereito, polo que os condutores vense obrigados a circular polo carril esquerdo. Lembran que a Garda Civil de Tráfico realizou informes relativos ao mal estado desta vía e a plataforma Stop Accidentes elevou unha queixa á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.