O PP presenta a Sandra Vázquez Domínguez como candidata á alcaldía de Vilalba
A máxima dirixente do PP provincial, Elena Candia, participou nun xantar popular celebrado no Restaurante Montero acompañada de distintos membros da dirección provincial na que se presentou a candidatura de Sandra Vázquez Domínguez á alcaldía de Vilalba.
Candia asegurou que desde o partido confían na aposta de Sandra Vázquez para recuperar a alcaldía, “unha vilalbesa comprometida co municipio e os seus veciños, coñecedora das súas necesidades, con moita formación, experiencia e ilusión por mellorar Vilaba grazas a súa vocación de servizo público”. Ademais, Candia explicou que “Sandra é a candidata ideal porque reúne todas as características para dar a estabilidade gobernamental da que carece Vilalba”. Así o expuxo no acto de presentación da candidata, banqueira de profesión e que desde o 2015 iniciou a súa actividade política no municipio chairego.
A actual voceira do PP vilalbés asegurou sentirse moi arroupada polos compañeiros de partido, a agrupación onde sempre tentou “unir sensibilidades” de todos os veciños e veciñas de Vilalba. Por iso mesmo, agarda o apoio dos vilalbeses tamén nas urnas. Ademais, quixo agradecer aos afiliados todo o apoio mostrado e tamén rendeu o seu particular homenaxe a Manuel Fraga Iribarne, natural do municipio.
Obxectivos
Para Vázquez, o obxectivo fundamental é “volver ao goberno de Vilalba cunha vitoria esmagadora e desbancar dunha vez por todas ao goberno do PSOE de Vilalba, un goberno autoritario, derrochador e soberbio”. Neste sentido, a candidata á alcaldía expliou que o propio goberno intentou calar en numerosas ocasións aos populares “para que non falen e aos veciños para que non opinen”. Ademais, o malgaste dos fondos públicos é unha realidade, como exemplo a inversión dun millón de euros no Parque Acuático e perdendo subvencións por valor de máis de 200.000 euros. E soberbio, polo recorte discriminado á Fundación Hospital Asilo, unha institución cunha labor social e humana impecable a ollos dos veciños.
Proxecto sólido
Por outra banda, Vázquez resaltou que “somos o partido que máis se parece a Vilalba, coñecedor das 29 parroquias e preocupado polos máis de 14.000 habitantes da localidade”. Por iso, o Partido Popular propón un proxecto baseado en tres pilares fundamentais, a creación de emprego a través do asentamento de novas empresas e a ampliación das xa existentes, “favorecendo o asentamento de veciños no noso territorio”. Como segundo pilar, Vázquez ve fundamental a prestación de servizos aos veciños velando polo seu benestar, tanto “dende os máis pequenos ata os nosos maiores”. E por último, como liña estratéxica “ a prioridade no rural”, co arranxo das rúas municipais, da escola, o apoio ao tecido asociativo, cultural, social e deportivo.