O PP de Vilalba proporá no Pleno adaptar as ordenanzas das terrazas entre outros problemas
O Partido Popular de Vilalba considera “urxente” elaborar unha nova ordenanza municipal reguladora das terrazas dos locais de hostalería adaptando a ordenanza da que xa dispón o Concello ás novas esixencias derivadas da situación creada pola pandemia da covid-19 co obxectivo de “ofrecer un marco legal que ampare esta ocupación da vía pública”. Tendo en conta que se potenciou o uso de espazos exteriores na hostalería, a reunión da Comisión de Urbanismo celebrada en xuño do 2020 xa manifestara o compromiso de elaboración dunha regulación específica; pero, “de momento, está pendente de realizar”.
Igualmente, a proposta que os populares trasladarán ao vindeiro pleno a través dunha moción recolle tamén a petición de axilizar as licencias municipais, cando proceda, aos demandantes de instalacións de terrazas co obxectivo de “evitar os prexuízos derivados da carencia da mesma” especialmente no actual contexto de crise por mor da pandemia da covid-19. Sinalan que “o Concello esixe unha solicitude acompañada dunha memoria técnica e un plano de situación; pero, se logo non outorga expresamente a licencia, os solicitantes quedan nunha situación que pode supoñerlles prexuízos”.
Os populares explicaron esta proposta ao representante da hostalería na asociación de empresarios Sete Pontes, Manuel Silvosa, durante unha reunión coa que continúan a escoitar as demandas e os principais intereses tanto dos sectores produtivos de Vilalba coma dos veciños e veciñas. Neste encontro de traballo a concelleira e presidenta da xestora do PP vilalbés, Sandra Vázquez, o voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Baamonde, e o concelleiro Amador Guerra, recordaron que “o goberno local aínda non deu ningún paso adiante para a convocatoria de axudas directas aos afectados a pesar de que a corporación municipal volveu aprobar a súa posta en marcha nun pleno extraordinario solicitado pola oposición”.
Colaboración do Concello coa asociación de empresarios
Recentemente, os populares lembraban tamén a necesidade de asinar un convenio de colaboración entre a asociación de empresarios e o Concello de cara á dinamización económica, tal e como fora acordado no pleno de xullo do ano pasado a iniciativa do Grupo Municipal do PP.
Os populares condenan “a imperdoable desidia do actual goberno local” polos dez meses “de silencio e parálise” mentres “a crise económica e social afoga aos pequenos autónomos de Vilalba”. Nese sentido, preguntarán cando vai firmar o Concello o convenio coa asociación Sete Pontes.
FIV e festas patronais
Os concelleiros do PP sinalan que “o FIV e as festas patronais de San Ramón e Santa María supoñen revulsivos económicos para os locais de hostalería de Vilalba”. Consideran, polo tanto de interese para os negocios hostaleiros coñecer se o goberno municipal ten previsto celebrar estes dous importantes eventos e, se é así, que datas e formatos valora. Indican que “o Concello comunicaba o 11 de marzo que se descartaba a celebración do FIV nas datas habituais do mes de abril e que se comunicaría en breve a súa ubicación en datas máis próximas ao verán”; pero, polo momento, “non se coñecen máis detalles”.
Outros asuntos do Pleno
Os populares pedirán tamén explicacións sobre as vicisitudes e a situación actual do contrato de limpeza dos centros escolares logo da problemática suscitada pola inestabilidade económica da empresa concesionaria, traducida en reiteradas faltas de pagamento ó persoal e embargos por parte de organismos públicos, que está a alterar a prestación do servizo, así como do fracaso no proceso de licitación para a adxudicación dun novo contrato ó respecto.
Así mesmo pedirán máxima urxencia en desenvolver coa máxima urxencia os medios técnicos e materiais precisos para a elaboración dun proxecto serio e rigoroso que permita optar á captación de recursos do plan de fondos europeos de recuperación Next Generation, para a construción dun centro de día inserido nun novo modelo asistencial de atención a persoas maiores que dea resposta ás novas necesidades que se presentan a consecuencia da pandemia da covid-19.
Preguntas do PP
Os populares aproveitarán o Pleno para preguntar ao equipo de goberno a razón de que non se teña elaborado o informe sobre o Mupav, imprescindible para abordar os actuais problemas que está a sufrir a entidade.
Así mesmo, preguntará sobre cando e que solución vai dar o Concello ós veciños das zonas de rúa da Pravia e das Pedreiras ante un novo problema de aparcamento.
Así mesmo solicitará información sobre os problemas de subministración de auga que sofre o CEIP de Román e que foi reclamado en numerosas ocasións.
Rogos
No apartado de rogos, os populares aseguran que "sendo numerosas as queixas da veciñanza da Rúa da Emigración e a Rúa da Feira en relación cos problemas de alumeado, en base á existencia do Plan de Renovación do Alumeado Municipal e atendendo a estas reclamacións da veciñanza, solicitamos ó Pleno do Concello de Vilalba que sexan incluídas no devandito plan".
Ademais, solicitan ao Pleno que manteña coidado e en bo estado o Paseo dos Soños.