O PP quere que a Deputación devolva os cartos da compra da Casa da Botica

TerraChaXa
O PP de Guitiriz interésase pola residencia de maiores e propón que o Concello pida á Deputación a devolución dos cartos da Casa da Botica.
Cascallo Casa Botica
27 sep 2021

Grupo Municipal Popular de Guitiriz condena “o silencio” do goberno local sobre a construción da residencia de maiores ao non ser convocada a reunión entre os tres grupos municipais -PP, PSOE e BNG- para abordar o futuro desta infraestrutura, tal e como fora acordado en pleno fai xa varios meses a iniciativa dos populares. Ante esta situación, os populares proporán no vindeiro pleno da corporación local a convocatoria da reunión para abordar o futuro da residencia e a idoneidade da súa construción no lugar ocupado pola coñecida como Casa da Botica ou noutro espazo do municipio.

O voceiro, Xosé María Teixido, asegura tamén que “non permitiremos que a demolición da Casa da Botica quede no esquecemento” e, polo tanto, “esiximos responsabilidades”, incluso pola vía xudicial, ante o que consideran “unha desfeita”. Polo tanto, o Grupo Popular tamén propón pedir á Deputación que devolva ao Concello os cartos investidos no proxecto dirixidos á compra da Casa da Botica que foi cedida á institución provincial tendo en conta que “a cesión era para un fin concreto: a construción da residencia da terceira idade e a recuperación dun edificio insigne para o patrimonio municipal e provincial”. Igualmente, recollen na súa iniciativa, a presentación dunha querela ante o xulgado para pedir responsabilidades.

Os populares insisten en que a intervención na edificación requiría de medidas de protección coma o  apuntalamento das paredes e da fachada e consideran “aínda peor” que, despois do derrubamento dunha parte da fachada, “a Deputación procedera á demolición total da construción que asemellaba un pazo, un ben catalogado que constituía o principal emblema da arquitectura civil do municipio de Guitiriz”.

O PP guitiricense tilda de “sorprendente” que o goberno municipal socialista estea a mirar para outro lado e non defendendo os intereses municipais tendo en conta que o edificio formaba parte do patrimonio municipal.

“O goberno local quere deixar correr a auga” sinalan os populares que lamentan que “o PSOE e o BNG poñan os seus intereses partidistas por riba do ben para o pobo de Guitiriz”. Consideran, nese sentido, que “o goberno local está aceptando de bo grao as consignas que lles din dende a propia Deputación”. E, igualmente, tamén cren que o feito de que o concelleiro do BNG “estea máis caladiño que a alcaldesa” se debe a que “o seu partido tamén forma parte do goberno provincial”.

0.076303958892822