O PP reclama a posta en marcha do centro de día de Meira, pechado desde 2021

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Clemente Iglesias, o voceiro en Meira, Óscar Fernández, e concelleiros mantiveron unha xuntanza de traballo na que analizaron a situación do centro de día provincial, que PSOE e BNG na Deputación manteñen pechado dende 2021.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, sinala que este centro de día conta con 20 prazas que “PSOE e BNG néganse a poñer en servizo” impedindo así a conciliación de 20 familias.
Ameijide denuncia que “PSOE e BNG seguen a negar a atención prometida aos veciños da provincia” porque non só están a negar a posta en servizo destas 20 prazas do centro de día de Meira, “a realidade é que o negan en toda a provincia xa que se negan a poñer en servizo as 153 prazas de atención a maiores nos oito centros de día provinciais (Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro) que están pechados desde 2019”.
Dende o Grupo Provincial Popular afirman que dende o goberno provincial deberían ter posto en funcionamento os centros de día ao mesmo tempo que as residencias, algo que non se produciu “provocando un prexuízo a toda a provincia xa que se trata dun servizo prometido e comprometido por PSOE e BNG que negan a toda a veciñanza”.
Pola súa banda, o voceiro do PP en Meira, Óscar Fernández, explica que para Meira “trátase dun servizo fundamental para axudar a 20 familias que se poderían beneficiar deste servizo, axudando notablemente á facilitar a conciliación familiar”
Neste senso, Óscar Fernández denuncia que “non poñer en servizo o centro de día provincial de Meira supón que esta infraestrutura, construída con recursos públicos, leve anos sen uso ou cun uso moi por debaixo para o que foi concibida; xa que unicamente están a prestar o servizo de residencia”.
A posta en marcha dos centros de día provinciais non terían un custo excesivo para as arcas provinciais xa que moitos dos servizos serían compartidos coa residencia polo que o gasto en calefacción, luz ou funcionamento serían os mesmos e case todo o persoal sería o mesmo, polo que non se trata dun problema económico, senón dunha falta total de vontade política de PSOE e BNG.