O PP reclama ao alcalde de Burela a promesa de construción dun novo pavillón

TerraChaXa | AMariñaXa
O Grupo Municipal Popular de Burela sinala que “o alcalde de Burela incumpre, unha vez máis nestes últimos catro anos, a súa palabra con respecto ao que anunciou fai arredor dun ano cando dixo que ía a facer un novo pavillón de deportes no noso concello”.
14 Mar 2019

O Grupo Municipal Popular de Burela sinala que “o alcalde de Burela incumpre, unha vez máis nestes últimos catro anos, a súa palabra con respecto ao que anunciou fai arredor dun ano cando dixo que ía a facer un novo pavillón de deportes no noso concello”.
Os populares indican que “agora di que vai ver se remodela o actual pavillón Vista Alegre; pero para este viaxe non fan falta tantas alforxas porque as condicións impostas pola Liga Nacional de Fútbol Sala xa se coñecen dende o ano 2016, é dicir, dende fai tres anos. E nestes tres anos puido estar xa remodelado o pavillón Vista Alegre e non se fixo porque o alcalde mirou para outro lado e anunciou a bombo e platillo a construción dun novo pavillón; pero que, como xa sabemos, sobre este aspecto non se fixo nada en absoluto”.
A este respecto os edís do PP recordan que “non se fixo nada para remodelar o actual pavillón nin para construír un novo nestes últimos catro anos o que é realmente lamentable”.
Neste sentido, cren que “o rexedor local debe pedir perdón ao conxunto da familia do deporte por incumprir a súa palabra con respecto á remodelación do actual pavillón Vista Alegre e á construción dun novo e tamén debería aclarar polo miúdo con que prazos xoga para a remodelación do Vista Alegre e con que financiamento conta porque o Concello só dispón de 35.000 euros para instalacións deportivas no presuposto do presente ano 2019”.
“Tendo en conta que o PP de Pablo Casado defende a práctica deportiva, estamos seguros de que se o Partido Popular gaña as eleccións fará todo o posible para que as instalacións deportivas do Concello de Burela sexan as máis idóneas. O que non estamos dispostos é a soportar as mentiras e a vagancia de Alfredo Llano”.
Requirimentos do CD Burela FS
Os populares aseguran que “o propio club lle ten trasladado ao alcalde a necesidade de adaptar o pavillón aos requirimentos da Liga Nacional de Fútbol Sala porque, do contrario, veríanse obrigados a disputar noutras instalacións fóra do municipio os encontros da División de Honra onde milita o equipo feminino e na Segunda División onde o equipo masculino se atopa líder da clasificación e, polo tanto, con moitas posibilidades para ascender de forma directa tamén á División de Honra”.
Dende o Grupo Municipal Popular lamentan que “o señor Llano, como en moitos outros asuntos coma a ubicación do mercado, o plan de tráfico, a traseira do edificio de Capitanía Marítima, o parque empresarial do Perdouro, non fixo nada de todo o que dixo que ía facer. O único que fixo foi facer anuncios de prensa totalmente baleiros”.
 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15888786315918