O PP reclama ao Goberno local de Vilalba que aclare se pretende peonalizar a rúa da Pravia

TerraChaXa
Os populares critican os cortes de tráfico pola celebración de concertos e cuestionan a falta de planificación e alternativas
rua-da-pravia-vilalba
13 Aug 2025

Os concelleiros do Partido Popular de Vilalba instan ao goberno bipartito a explicar con claridade á veciñanza se o seu plan para a rúa da Pravia é a súa peonalización definitiva, tras os últimos cortes de circulación realizados na zona con motivo da celebración de actividades musicais.

O grupo popular advirte que só hai dúas opcións: que a intención do executivo local, formado por PSOE e Vilalba Aberta, sexa peonalizar por completo esta vía ou que a decisión responda a un conflito interno entre ambas formacións, que levan a cabo as súas actividades na Praza de Santa María.

Desde o PP lamentan que se restrinxise o tráfico nunha das principais arterias de comunicación da vila para acoller concertos cando existen espazos públicos máis axeitados, como a praza da Constitución, situada a escasa distancia e con maior capacidade para este tipo de eventos. Engaden que pechar a rúa da Pravia á última hora da tarde durante fins de semana ou festivos non é unha decisión axeitada, xa que coincide co regreso de moitos veciños despois dunha xornada de praia ou doutros plans fóra do centro urbano.

Os populares reprochan que o goberno municipal “non coñeza o pobo que dirixe, nin os seus costumes, nin os seus horarios, nin as súas necesidades” e lembran que anteriormente xa converteran a rúa da Pravia en unidireccional sen aval técnico sólido, mudaran o seu sentido de circulación e agora proceden a pechala en determinadas franxas horarias sen apenas información nin periodicidade. Aseguran que estas decisións prexudican tanto a mobilidade como a actividade económica da zona, e advirten de que poden restarlle dinamismo a Vilalba.

En canto á programación cultural, o PP considera que se o executivo quere fomentar a participación cidadá debe fixar datas e horarios máis axeitados, tendo en conta que nas tardes das fins de semana e festivos de verán a maior parte dos vilalbeses adoita realizar outras actividades.

⚙ Configurar cookies
0.12331295013428