O PP reclama ao Goberno vilalbés que non dese ningún paso para crear un PAI

TerraChaXa
Din que o Concello ten confirmado o apoio da Xunta para a creación dun cunha axuda de 123.700 euros
nenos-xogando
Neno xogando
1 Xuño 2024

O PP de Vilalba advirte que “o bipartito non está a dar paso ningún para atender a demanda das familias para dotar a Vilalba de máis prazas para a atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos como lles prometera o curso pasado”.

O Concello ten confirmado o apoio da Xunta para a creación dun Punto de Atención á Infancia (PAI) cunha axuda de 123.700 euros, pero “o goberno bipartito o único que fixo ata agora foi solicitar a subvención. Nin sequera rexistraron o proxecto para a creación do PAI, o que da a entender a importancia que ten para o PSOE e Vilalba Aberta atender á demanda das familias para a atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos: cero”, engaden os concelleiros populares. “Pedir diñeiro si, xestionar non”, inciden.

O Grupo Municipal Popular entende que “Marta Rouco e Modesto Renda dedícanse máis a facer vídeos que a xestionar o Concello de Vilalba” porque “os seus anuncios non se concretan por falta de xestión” e que “os prexudicados sexan os veciños e veciñas de Vilalba”. Neste caso concreto, as familias con nenos e nenas menores de 3 anos.

“Se este fora un goberno responsable, tería cumprido a promesa que lle fixo ás familias o curso pasado; pero, lamentablemente non é o caso e a día de hoxe atopámonos na mesma situación: nenos e nenas sen prazas e familias sen resposta”, segundo apuntan os populares, preocupados pola situación de 27 familias con nenos e nenas empadroadas no Concello que quedan en lista de agarda na escola infantil A Galiña Azul, o que demostra a demanda deste tipo de servizos e que o goberno local coñecía previamente.

O PP local censura que “o goberno municipal presumía de atopar a solución ao problema e, incluso, avanzaban a situación exacta do PAI na parte superior da Praza de Abastos; pero a día de hoxe é todo fume”. E o peor é que “se non se cumpren os prazos establecidos na orde da subvención, poderíase perder como xa ten pasado con outras”.

Dende o Grupo Municipal Popular consideran que “queda claro que traballar con previsión e dar servizos aos vilalbeses non son as prioridades do goberno bipartito de Vilalba”. Neste caso, “prefire cargarlles o problema ás familias en lugar de procurar ofrecer servizos para a conciliación”, lamentan.

0.084391117095947