O PP reclama ao Goberno local que pida colaboración para a reforma da rúa Cidade de Viveiro

O PP insta ao bipartito de PSOE e Vilalba Aberta a solicitar colaboración, técnica e económica, para a execución de actuacións de reforma integral das beirarrúas da rúa Cidade de Viveiro á Deputación de Lugo, administración titular da vía. O pavimento das beirarrúas atópase en mal estado e presenta deficiencias e dificultades para a accesibilidade que supoñen un risco para a seguridade dos peóns, especialmente das persoas maiores, con mobilidade reducida e das familias con carriños infantís.
Os populares propoñen que o Concello se dirixa formalmente ao goberno provincial para solicitar a inclusión desta actuación entre as liñas de financiamento da Deputación de Lugo. E cren que o goberno municipal debe encargar aos servizos técnicos municipais e económicos a elaboración dun informe técnico e dunha memoria valorada “que recollan o estado actual das infraestruturas e as actuacións necesarias para acompañar a solicitude á Deputación de Lugo”.
Así mesmo, inciden en que a solicitude debe recoller actuacións de mellora e renovación das redes de abastecemento de auga e saneamento “co fin de garantir un servizo eficiente, seguro e acorde á normativa vixente”, xa que as infraestruturas actuais “se atopan obsoletas e resultan insuficientes”. De feito, provoca incidencias recorrentes, perdas de auga e un servizo deficiente para os veciños e veciñas da zona.
“Esta situación afecta negativamente á calidade de vida, á imaxe urbana do municipio e ao cumprimento dos estándares básicos de accesibilidade e sustentabilidade”, segundo advirten.
PREGUNTAS EN MATERIA DE OBRAS E MOBILIDADE
Os concelleiros do Partido Popular tamén pedirán explicacións, na quenda de preguntas, sobre as políticas do goberno municipal en relación a certas obras e aspectos vinculados coa mobilidade e as zonas de aparcamento.
Neste sentido, preguntarán se o goberno municipal ten xa en marcha algún trámite para dotar ao casco urbano de zonas de aparcamento de vehículos, se ten previsto o Concello crear aparcamentos públicos para compensar a perda de prazas de estacionamento polas erráticas obras de humanización. Tamén esixirán explicacións sobre o criterio para a denegación de zonas de aparcamento para camións no polígono e en zonas do casco urbano.
Así mesmo, queren saber as solucións que contemplan PSOE e Vilalba Aberta para os atascos continuos que se rexistran na rúa Pintor López Guntín cando se cruzan dous vehículos de grandes dimensións; as medidas que van tomar ante as múltiples caídas de peóns na rúa da Pravia; e se, despois de varios atropelos no casco urbano, prevén mellorar a seguridade viaria tanto no casco urbano coma nas parroquias.
Precisamente sobre a zona rural, tamén agardan que o goberno local explique aos vilalbeses porque están sen comezar as obras aprobadas fai meses no Pleno.