O PP reclama ao Goberno provincial que pague as sancións impostas polo derrubamento da Casa da Botica

"A Deputación de Lugo terá que afrontar o pago de case 60.000 euros despois de que o xulgado contencioso-administrativo número 1 de Lugo ratificase que o goberno provincial deberá pagar dúas sancións, unha de 53.000 euros e outra de 6.001, polo derrubamento da Casa da Botica (Guitiriz) en 2021", explica o Partido Popular.
Afirma que son uns feitos que veñen derivados do incumprimento do deber de conservación e que se orixinan por “executar sen respectar o condicionado establecido no informe respecto das actuacións de emerxencia emitido no seu día pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.
A sanción é do 11 xaneiro de 2024 “e dende esa data, tanto PSOE como BNG buscaron enredar para non pagar”, din.
A sanción está motivada no incumprimento dos artigos: 130.a “danos irreparables en bens de intereses cultural ou catalogado e incumprimento do deber de conservación previsto no artigo 32”; e 130.d “a realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen autorización previa da consellería”.
O voceiro popular Antonio Ameijide sinala que cando a Deputación tivo coñecemento da sanción, o 8 de febreiro de 2023 o presidente presentou un escrito solicitando acceso e copia do expediente, informándose o 14 de febreiro de 2023 a data na que se poderá acceder a toda a documentación (17 de febreiro). “Tralo acceso ao expediente dende a Deputación de Lugo non se presentaron alegación”, recordou Ameijide.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que PSOE e BNG terán que afrontar o pago destas sancións, impostas pola Consellería de Cultura en setembro de 2024 xa que a demolición da Casa da Botica non se executou correctamente. “A realidade é que a Deputación de Lugo buscou escusas en lugar de asumir as consecuencias dos seus actos e xudicializaron unha sanción que se aplicou correctamente como agora avala a xustiza”, explicou.
Antonio Ameijide sinala que segundo se recolle no auto, PSOE e BNG “deben de pagar de inmediato” a sanción imposta pola Xunta “e non poden demorar o pago, tal e como buscaron co recurso ante a xustiza”.
O voceiro popular lamenta que “José Tomé, o PSOE e o BNG seguen a crer que están por enriba da lei” e sempre “buscan a forma de sortear a legalidade sen asumir as consecuencias das súas decisións, tal e como se reflicte nesta sentenza xudicial”.
O voceiro provincial popular esixe “traballo” a PSOE e BNG para que “en lugar de buscar escusas, traballen para cumprir os compromisos asinados” e “axilicen os traballos de construción da residencia de Guitiriz”, un servizo moi demandado pola veciñanza.
“Seguramente non teríamos que falar do pago destas sancións á Deputación de Lugo se PSOE e BNG cumprisen a tempo o seu compromiso de construír un centro de atención a maiores en Guitiriz, ademais de cumprir a lexislación no referente ao derrubamento da Casa da Botica, espazo que debe de albergar a futura residencia”, sentenciou.