O PP reclama ao Goberno que a recadación do radar do Fiouco no derive en melloras viarias

TerraChaXa | AMariñaXa
Explica que a instalación das novas balizas láser, para mellorar a visibilidade do treito durante os episodios recorrentes de néboa, segue pendente
senadores-do-PP-no-Fiouco
22 Sep 2025

Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- cuestionan que a “desmesurada recadación” que o Goberno de España está ingresando como resultado das sancións que impoñen os radares no tramo do Fiouco, na autovía do Cantábrico (A-8), non se estean a traducir en novos investimentos para mellorar a seguridade das vías.

O senador mariñán, José Manuel Balseiro, lembra que, “desde o ano 2021, agardamos pola instalación das novas balizas láser” que permitirían mellora a visibilidade deste treito da autovía A-8 ante os recorrentes episodios de néboa que sufre. “Seguimos sen avances, co proxecto nun caixón”, a pesar de que hai 4 anos o Goberno explicaba que escolleron esta tecnoloxía de guiado tras avaliar diferentes solucións técnicas a implantar nese punto negro da autovía lucense.

Os “ingresos excepcionais” que o Goberno recibe por estas sancións tampouco repercuten na mellora da estrada N-634, que serve de itinerario alternativo cando a autovía pecha ao tráfico por deficiente visibilidade. Na Mariña “hai un clamor social e unanimidade política” ante a necesidade de intensificar as tarefas de conservación e mantemento nesta estrada nacional, que soporta unha elevada carga de tráfico.

Balseiro lembra que o asfalto desta vía de titularidade estatal presenta deterioro e tamén son necesarias outras melloras en materia de iluminación, nos carrís de adiantamento e no trazado ou reforzar o peche que impide que entren animais na vía.

Balseiro lembra que o paso da autovía A-8 polo alto do Fiouco “atesoura tamén outros récords moi negativos”, como é o caso de ser o treito viario que máis peches rexistra de España, aínda que se viron reducidos os últimos anos coas novas balizas de sinalización, que en todo caso son insuficientes para evitar accidentes. “A isto hai que engadir que volve a confirmarse que ten os radares que máis multan na provincia e, probablemente, do conxunto de Galicia”.

De feito, o Goberno de España confirmaba, en resposta oficial aos senadores populares lucenses, que o sistema de control da velocidade instalado por Tráfico na autovía do Cantábrico “recada máis de un millón de euros cada ano, con 17 sancións diarias de media”. A autovía A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco conta hoxe con dous radares de tramo, un no quilómetro 550,200, en Mondoñedo, cunha lonxitude de 4.633 metros e outro, na dirección contraria, no punto quilométrico 545,115, entre Abadín e Mondoñedo, cunha lonxitude de 5.116 metros. As sancións teñen que ver con excesos de velocidade neses tramos.

⚙ Configurar cookies
0.15139698982239