O PP reclama ao Goberno unha oferta de servizos ferroviarios que responda á demanda real dos usuarios

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Así o manifestaron dende a estación de tren de Sarria xunto a alcaldes e portavoces da comarca e dos municipios polos que pasa o Camiño Francés
PP-na-estación-de-tren-de-Sarria
7 sep 2024

Os senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, replican ao ministro de Transportes, Óscar Puente, tras afirmar que "o tren vive en España o mellor momento da súa historia", asegurando que “na provincia de Lugo non é así. Non mellorou nada, senón que queda sen AVE e perde servizos: agora hai menos frecuencias que había hai 10 anos”.

Os populares reclaman unha oferta de servizos que responda á demanda real dos usuarios e denuncian, unha vez máis, “a perda de servizos ferroviarios na provincia nos últimos anos”.

Así o manifestaron dende a estación de tren de Sarria xunto a alcaldes e portavoces da comarca e dos municipios polos que pasa o Camiño Francés advertindo do “prexuízo que supón a supresión de servizos e frecuencias, non só para a mobilidade dos lucenses, senón para o impulso desta ruta do Camiño de Santiago”.

Concretamente, subliñan que “a supresión dos trens nocturnos afecta ao número de peregrinos que fan o Camiño Francés porque moitos viaxaban de noite e comezan o camiño de madrugada na localidade de Sarria, pero algúns deixan de facelo polas complicacións para chegar a Sarria por tren – a alternativa actual é viaxar ata Ourense e despois en autobús ata Sarria- e porque supón un custo maior”.

Os senadores do Partido Popular explicaron tamén que agardan explicacións do Goberno de Sánchez por escrito en relación ás preguntas rexistradas na Cámara Alta sobre a reposición dos servizos eliminados durante a pandemia, sobre o prazo que contempla o Goberno de Sánchez para a reapertura da liña Ourense-Monforte e se prevé compensacións aos usuarios pola falta de planificación das obras e o atraso na posta en servizo do corredor entre Lugo e Monforte.

“A perda de servizos ferroviarios non é un feito illado, senón que é un exemplo máis que evidencia a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Lugo en materia de infraestruturas” e que supón “unha discriminación para a provincia e os lucenses”, inciden os populares.

De feito, subliñan que “é case imposible comunicarse entre provincias e coa capital de España por autovía e dende fai tempo tamén é imposible conectarse por tren con Barcelona ou Madrid”.

0.15574312210083