O PP reclama ao Goberno vilalbés que poña en marcha as actividades de verán para os nenos

TerraChaXa
Os concelleiros sinalan que “o propio goberno local recoñeceu no pleno de maio do 2024 que decidiran suprimir as actividades argumentando cuestións económicas”
festa-da-escuma-vilalba-festas-campamento
26 May 2025

O Partido Popular esixirá ao goberno bipartito PSOE-Vilalba Aberta no vindeiro Pleno que “volva poñer en marcha as actividades de verán para nenos e nenas organizadas polo Concello como as que se viñan facendo baixo os nomes de Verán Activo ou Vilaescolas de verán”. Os concelleiros popular defenden que este programa se comece a executar no verán de 2025 e que “se publique a programación e se abran as inscricións con tempo suficiente para aqueles que desexen participar”.

Os concelleiros do PP lembran que, “durante moitos anos, o Concello de Vilalba ofertaba polo verán actividades de ocio para os máis pequenos que incluían actividades deportivas, acuáticas, etc. Primeiro chamábanse Verán Activo co goberno do Partido Popular e, máis adiante, Vilaescolas de verán, co PSOE á fronte do goberno local. O mesmo, pero con outro nome”.

Os populares lamentan que “dende fai dous veráns, os nenos e nenas non dispoñen dunhas actividades ben acollidas polas familias: nin Verán Activo, nin Vilaescolas, nin ningunha outra alternativa. Todo quedou no esquecemento”, denuncian.

Así mesmo, condenan que “a supresión destas actividades foi unha decisión do goberno local argumentando cuestións económicas, tal e como recoñeceron no pleno de maio de 2024”. Ante preguntas do Grupo Popular sobre esta mesma cuestión, o goberno local respondía: “Este ano tivemos que facer fronte ao incremento importante de dous servizos: o contrato do lixo e de axuda no fogar. E isto fai que tiveramos que aplicar, por así dicilo, recortes nalgunhas actividades que se viñan facendo no concello e unha delas é esta”.

Os populares consideran que “non é xusto para os nenos e nenas” especialmente á vista de que “si houbo partida orzamentaria para outros asuntos non tan necesarios”, advirten.

⚙ Configurar cookies
0.174644947052