O PP de Pol afea ao PSOE que votase en contra de arranxar as estradas municipais
"O PSOE de Pol vota en contra de arranxar a estradas municipais en mal estado. Así sucedeu no pleno que se celebrou este mércores ante a moción presentada polo PP e no que, ademais, o alcalde afirmou que ata setembro non se ía a arranxar nada", segundo explican os populares.
Indican que as estradas municipais do Concello de Pol atópanse nunha situación crítica de total abandono con gretas, cun firme deficiente e con grandes fochancas chegando a provocar en moitas delas a existencia de puntos case intransitables e moi perigosos para os veciños que se vén obrigados a facer desprazamentos incómodos e arriscados, poñendo en perigo a súa seguridade.
“Ante esta situación, desde o Partido Popular de Pol levamos denunciando durante moito tempo esta circunstancia e presentamos unha moción que recolle un problema grave para os veciños e instamos ao goberno local a que arranxe de inmediato as pistas municipais e, así, garantir unha circulación segura e cómoda”, afirman os concelleiros populares.
Pero a pesar disto, o PSOE decidiu votar en contra da proposta para arranxar as estradas municipais. "Esta negativa por parte do goberno local mostra unha total falta de preocupación polos veciños de Pol que continúan sufrindo as consecuencias de ter as vías absolutamente deterioradas. É incomprensible que, ante a urxencia e necesidade de mellorar a rede viaria municipal, o PSOE opte por rexeitar e votar en contra”, critican e lamentan desde o Grupo Municipal Popular.
"Os veciños e veciñas de Pol merecen unhas infraestruturas viarias seguras e transitables, e é responsabilidade do alcalde garantir que se realicen esas obras tan necesarias. Neste sentido, o Partido Popular vai a seguir reclamando ese arranxo inmediato e denunciando o estado de abandono no que se atopan", conclúen.