O PP reclama en Monterroso compensacións para os concellos con cárceres

O Partido Popular levará ao Congreso dos Deputados dúas iniciativas centradas en defender os intereses dos Concellos que acollen centros penitenciarios e en promover o desenvolvemento económico dos municipios a través do apoio ao comercio local.
Nunha visita ao centro penitenciario de Monterroso, os deputados nacionais do PP por Lugo, Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades, xunto coa portavoz de Interior do Grupo Popular no Congreso, Ana Belén Vázquez, e acompañados polo alcalde Eloy Pérez, presentaron estas propostas co obxectivo de “garantir un trato xusto” aos Concellos afectados.
A primeira das iniciativas, presentada como Proposición Non de Lei (PNL), solicita que o Goberno de España compense economicamente aos municipios nos que se sitúan cárceres dependentes do Ministerio do Interior. Os populares denuncian que estes concellos están obrigados por lei a prestar servizos básicos como o subministro de auga, a recollida de lixo ou o mantemento viario, sen recibir contraprestación algunha por parte do Estado. Ademais, estes centros están exentos do pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI), o que supón unha importante perda de ingresos para as arcas municipais.
Para paliar esta situación, o PP propón que se teñan en conta datos como a poboación media anual de reclusos á hora de repartir os Fondos de Cooperación Local, así como que se compense a perda de recadación do IBI mediante unha asignación fixa anual a través da participación das entidades locais nos tributos do Estado (PIE).
A segunda PNL diríxese ao Ministerio do Interior cunha proposta para que se prioricen, sempre que sexa posible, as compras públicas nos comercios locais. “Trátase dunha medida de apoio ao comercio de proximidade, que favorece o emprego, o asentamento da poboación e a creación de oportunidades nos pequenos concellos”, explicaron os deputados.
“Non pedimos ningún trato de favor, senón un trato xusto para os concellos que, ademais de asumir responsabilidades que non lles corresponden directamente, ven minguados os seus ingresos”, conclúen desde o Grupo Popular.