O PP recorrerá o arquivo das actuacións contra a alcaldesa de Guitiriz

TerraChaXa
Os populares tiñan solicitado as actas electrónicas orixinais ou ficheiro dixital coa gravación das sesións da Xunta de Goberno Local
FOTO-RP-PP-Guitiriz-denuncia-alcaldesa
8 Apr 2026

O PP de Guitiriz recorre o arquivo das actuacións contra a alcaldesa ao consideralo “precipitado” porque “o auto non fai referencia á ampliación da denuncia” e “aínda están pendentes as investigacións solicitadas previamente para verificar a participación telemática, a autenticidade e integridade da acta e a existencia da trazabilidade dixital da sesión”.

Os populares solicitaron este luns 6 de abril, antes do auto de arquivo con data do martes 7 de abril, as actas electrónicas orixinais ou ficheiro dixital coa gravación das sesións da Xunta de Goberno Local tanto do 10 de decembro de 2025, coincidindo coa viaxe da alcaldesa a Portugal, coma do 4 de febreiro de 2026 -motivo da ampliación da denuncia-, coincidindo cunha viaxe en territorio nacional; os expedientes completos e a preservación de evidencias dixitais.

O Regulamento Orgánico Municipal contempla no artigo 83 -como recolle a documentación remitida polo Concello- a posibilidade de celebración a distancia das sesións dos órganos colexiados, pero “omite os requisitos”.

O artigo 84 do ROM establece que “o medio electrónico polo que levarán a cabo as sesións dos órganos colexiados a distancia será, de maneira preferente, a videoconferencia, que permitirá unha identificación visual do asistente. Este sistema de videoconferencia deberá xerar un ficheiro coa gravación audiovisual da sesión”.

E o artigo 85 recolle que “para a válida constitución e celebración das sesións dos órganos colexiados a distancia a través de medios electrónicos e telemáticos, os membros que participen nestas sesións deberán atoparse en territorio español e quedar acreditada a súa identidade. Para iso, acreditarase a identidade de cada un dos asistentes mediante o acceso á sede electrónica con certificado electrónico ou calquera outro medio que permita a correcta identificación”.

“O feito de que o ROM contemple a posibilidade da celebración telemática das sesións, non acredita que así fora. Por iso pedimos o resto de probas tanxibles”, explica o portavoz, José Manuel López.

Tamén atendendo ao ROM, “para que a validez da participación en calquera dos órganos colexiados, o asistente ten que atoparse en territorio español” e, ademais, “as sesións telemáticas deberán ser gravadas, o que permitiría determinar se existiu participación telemática”. Do contrario, “a alcaldesa estaría incumprindo o ROM”. E “a propia señora Morandeira recoñeceu estar en Portugal ao solicitar o cobro desas dietas”.

O PP de Guitiriz interpuxo esta mañá recurso de reforma e, no caso de non ser estimado, recurso de apelación subsidiario ante a Ilma. Audiencia Provincial. Así mesmo, ten solicitado medidas de preservación das evidencias dixitais relativas a ambas sesións da Xunta de Goberno Local.

José Manuel López explica que “actuamos conforme ao que marca a lei: en canto atopamos indicios da comisión dun presunto delito, puxemos a situación en coñecemento da xustiza para salvagardar os intereses de todos os veciños de Guitiriz, que é unha das nosas obrigas como representantes electos”.

O portavoz popular critica, así mesmo, que “a alcaldesa cobrase tanto a asistencia á Xunta de Goberno Local do 10 de decembro de 2025”, da que pon en dúbida a súa validez legal, “como pola propia viaxe a Agueda (Portugal) pola que os veciños e veciñas de Guitiriz pagaron 381,65€ (114,09€ para aloxamento e 51,09€ para manutención, por día). A viaxe, organizada por unha asociación privada, tivo lugar do 9 ao 11 de decembro de 2025 e tiña un custo de 250€ en pensión completa e habitación dobre, cun sobrecusto de 60€ no caso de solicitar habitación individual; polo que o custo máximo era de 310€.

0.12292695045471